O programa Xogade da Xunta medra con 17 modalidades deportivas e a participación de 39 federacións

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a nova convocatoria dirixida a fomentar a práctica do deporte entre a poboación máis nova

Nesta edición incorpóranse modalidades inclusivas como o voleibol sentado e competicións por equipos en distintas disciplinas

Na anterior edición a participación chegou a 135.000 menores de entre seis e 16 anos, unha cifra récord

Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2023

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a nova convocatoria do programa Xogade (Xogos Deportivos Escolares), que medra este curso 2023-24 con 17 modalidades na actividade deportiva escolar e 39 federacións adheridas. Como novidades, a iniciativa que agrupa toda a oferta deportiva e lúdica promovida pola Xunta a prol da práctica do deporte entre a poboación máis nova incorpora modalidades inclusivas como o voleibol sentado ou competicións por equipos en bádminton, natación, orientación e tenis de mesa. Ademais, sumáronse as federacións de montañismo e baile deportivo.

Así, nesta edición as disciplinas convocadas no marco da actividade deportiva escolar son   atletismo en pista, bádminton, baloncesto, balonmán, cross, duatlón, encontros multideportivos, fútbol sala, multixogo 6-8, natación, orientación, patinaxe artística, tenis de mesa, voleibol e voleibol sentado, xadrez e xogando co atletismo.

Cómpre sinalar que a Xunta mantén a gratuidade do seguro de accidentes deportivos para os menores de entre seis e 16 anos participantes, unha medida na que Galicia é pioneira, así como do transporte e a participación nas actividades. Favorécese así o acceso ás actividades de escolares de toda a xeografía galega coa colaboración das diferentes agrupacións deportivas escolares. No caso da actividade federada, tamén se sufragará un seguro deportivo de 6 a 16 anos para apoiar o deporte de base e a promoción da actividade físico deportiva e os hábitos saudables.

Xunto coa actividade deportiva escolar, o programa Xogade ofrece outras propostas como Coñece o meu club, para facilitarlles aos centros educativos que se poñan en contacto coas entidades da súa contorna; Proxecto de vida activa e deportiva (PVAD), encamiñado a aumentar a actividade física saudable dos escolares; Xogando coa auga e co vento, que dá cabida a proxectos cos que achegar os escolares galegos á natureza a través de deportes acuáticos; Xogos tradicionais e populares, a prol do seu arraigo na poboación escolar; así como actividades de promoción de escalada e piragüismo-dragóns entre outras modalidades deportivas, tradicionais e urbanas que se poderán incorporar ao longo da tempada.

As entidades escolares e deportivas que conten con equipos e estean interesadas en inscribirse no programa poden facelo ao longo do curso a través das webs www.xunta.xogade.gal e www.deporte.xunta.gal.

Participación récord

Creado na tempada 2009-10 no marco do Plan Galicia saudable, o programa Xogade consolídase cada ano na contorna escolar e deportiva. No pasado curso houbo preto de 135.000 participantes, unha cifra récord que supón que máis do 50% da poboación escolar galega tomou parte nalgunha das múltiples actividades ofertadas. Nesta liña destaca o impulso territorializado que se lle está a dar á iniciativa, coa promoción das disciplinas deportivas máis axeitadas ás posibilidades de cada zona. Canto ao financiamento, o Goberno galego investiu na pasada edición máis de tres millóns de euros, destinados na súa meirande parte á cobertura do seguro deportivo escolar.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/09/2023