A delegada da Xunta pide ao Concello de Redondela que desbloquee a humanización da Avenida de Vigo

Ana Ortiz mantivo este martes unha xuntanza coa alcaldesa de Redondela dentro da rolda de reunións con todos os rexedores da área territorial

 

Redondela, 12 de setembro de 2023

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, reclamou este martes ao Concello de Redondela que desbloquee a humanización da Avenida de Vigo para complear as obras de mellora xa iniciadas no ano 2018. Así o fixo durante a xuntanza que mantivo hoxe coa alcaldesa, Digna Rivas, no marco da rolda de contactos que a representante autonómica leva a cabo con todos os rexedores da área territorial.

 

Ana Ortiz amosou a disposición da Xunta a abordar a humanización da Avenida de Vigo, en Redondela, cando o Concello entregue un proxecto redactado e se comprometa a colaborar no financiamento das intervencións.

 

Tamén lembrou que en 2018 a Xunta rematou unha primeira fase de mellora e humanización da Avenida de Vigo, ao longo de 1 quilómetro da PO-323 ao seu paso por Redondela, como resultado do convenio de colaboración asinado no seu momento co Concello.

 

Segundo resaltou, o acordo acadado entre as dúas administracións, autonómica e local, posibilitou acometer esa intervención, que supuxo un investimento de 2 millóns de euros, dos cales 370.000 euros foron achegados polo Concello de Redondela.

Ana Ortiz xa mantivo anteriormente encontros cos máximos responsables municipais de Baiona, Cangas, Moaña, Mos, O Porriño, Salvaterra de Miño, Nigrán e Vigo despois de dirixirse por carta a todos os alcaldes da área territorial para poñer en común as súas axendas e fixar o antes posible unha xuntanza de traballo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/09/2023