A mostra itinerante coa que a Xunta conmemora o centenario do poeta Carlos Oroza chega a Ribadavia

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participa na inauguración da exposición organizada xunto á Asociación Évame-Oroza que repasa a vida e obra do artista

Poderá visitarse ata o 29 de setembro na praza do Buxán e está composta por distintas imaxes e textos de relevancia na súa produción literaria

Ribadavia (Ourense), 13 de setembro de 2023 O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe en Ribadavia na inauguración da mostra Oroza (1923-2023. Centenario do poeta Carlos Oroza na praza Buxán que homenaxea ao creador con motivo do centenario do seu nacemento. Trátase dunha exposición incluída na programación especial impulsada pola Xunta de Galicia e a Asociación Évame-Oroza con motivo desta efeméride durante este ano.

Anxo M. Lorenzo animou a aproximarse, a través desta mostra, á obra “dun dos grandes da poesía galega que ten destacado pola súa ampla produción literaria e que é de xustiza que divulguemos e axudemos a descubrir por toda Galicia”.

Neste sentido, recordou que a programación inclúe a edición do libro Oroza 100, no que artistas, intelectuais e escritores ofrecen a súa visión e experiencia sobre o artista. A isto súmase a convocatoria do primeiro Premio Internacional de Poesía Carlos Oroza con periodicidade bienal e tres categorías: galego, castelán e mellor iniciativa musical.

A exposición, que permanecerá en Ribadavia ata o 29 de setembro, está composta por diferentes imaxes e texto que ofrecen un percorrido pola traxectoria vital e artística do autor. Xa pasou por distintas cidades galegas e, tras Ribadavia, continuará o seu percorrido por Lugo, Santiago de Compostela e A Coruña.

Data de actualización: 12/09/2023