A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visitou hoxe unha actuación realizada no concello de Ramirás

A Xunta avanza a cuarta convocatoria consecutiva das axudas a particulares e concellos para impulsar o fermosismo

Ángeles Vázquez salienta que, desta a posta en marcha desta iniciativa, no ano 2021, a Xunta concedeu subvencións por 7,6 millóns de euros

Os principais obxectivos destas axudas son o coidado da contorna e da paisaxe, tanto en espazos públicos como en propiedades privadas, e a sensibilización da cidadanía nesta materia

Ramirás (Ourense), 12 de setembro de 2023

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, avanzou hoxe que o Goberno galego realizará antes de fin de ano a cuarta convocatoria consecutiva das axudas a particulares e concellos para impulsar o fermosismo.

Durante unha visita á actuación realizada polo concello de Ramirás ao abeiro das axudas para a corrección de impactos paisaxísticos, Ángeles Vázquez, que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, subliñou que nesta ocasión volverá a haber dúas ordes diferenciadas de axudas. Unha estará destinada a propietarios particulares e a outra, a concellos de menos de 20.000 habitantes.

Cómpre lembrar que os principais obxectivos destas axudas son o coidado e a protección da contorna e da paisaxe, tanto en espazos públicos como en propiedades privadas, e a sensibilización da cidadanía nesta materia.

A vicepresidenta segunda salientou que, desta a posta en marcha desta iniciativa, no ano 2021, a Xunta concedeu subvencións por 7,6 millóns de euros, dos que 5 millóns se destinaron a particulares e 2,6 M€, a concellos. Así, o Goberno galego apoiou a preto de 2.000 particulares na mellora da imaxe exterior das súas vivendas e propiedades, e a máis dun cento de municipios na execución de obras e melloras en inmobles e outros elementos da súa titularidade.

De feito, a conselleira visitou hoxe a restauración integral de dous hórreos no lugar de Tellado, unha actuación para a que o Concello de Ramirás recibiu máis de 13.600 euros de financiamento ao abeiro destas axudas. Limpáronse os pés de pedra, aplicáronse morteiros tradicionais a base de cal e area, reconstruíuse o armazón de madeira e recuperouse toda a tella orixinal, renovando só as pezas necesarias.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/09/2023