O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades visita o Centro Integrado de Formación Profesional Fontecarmoa, en Vilagarcía, co gallo do inicio de curso

Román Rodríguez salienta o pulo á FP nesta lexislatura coa creación de sete centros especializados e o Centro Galego de Innovación

Comprométese a seguir avanzando nesta senda coa apertura dun novo centro destas características na Escola de Cantería de Poio

Destaca os novos másteres de FP como un salto de calidade, que a partir deste curso serán accesibles para todos os titulados e tamén os graduados universitarios

Avanza que, cando remate toda a tramitación de matrícula “agardamos superar o récord do ano pasado, de case 61.000 matriculados na FP”

Sinala as aulas de emprendemento, os espazos de tecnoloxía aplicada e os viveiros de empresa como fitos no camiño cara á excelencia nestas ensinanzas

Son case 140 os ciclos e másteres de FP que desenvolven parte do seu currículo nunha lingua estranxeira

Anuncia que a Xunta está ultimando a ampliación do CIFP Fontecarmoa, con previsión de licitala a finais de ano

Vilargarcía de Arousa (Pontevedra), 12 de setembro de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou esta mañá o Centro Integrado de FP Fontecarmoa, en Vilagarcía de Arousa, onde destacou a aposta da Xunta pola Formación Profesional. “Proba disto é o pulo que lle temos dado a estas ensinanzas ao longo desta lexislatura, malia as dificultades derivadas da pandemia”, sinalou.

Neste sentido, recordou que neste período se crearon “sete centros especializados de FP”, entre eles este de Fontecarmoa, xunto co Montecelo de Pontevedra, o Audiovisual de Vigo, o Vilamarín, o Universidade Laboral de Culleredo, o Leixa de Ferrol e o Fraga do Eume de Pontedeume, unha senda pola que seguiremos avanzando coa conversión en centro integrado da Escola de Cantería de Poio”. Así mesmo, destacou a posta en marcha do Centro Galego da Innovación da FP en Ourense, “que xunto aos centros especializados, van conformar a Rede de Centros de Investigación e Innovación aplicada na FP galega, un das medidas do Plan Innova FP Galicia que imos desenvolver ao longo deste curso”, explicou.  

O conselleiro salientou, ademais, o salto de calidade que supuxo nestes últimos anos a posta en marcha dos másteres, “as ensinanzas máis especializadas da FP galega, que se realizan ao remate dos ciclos e supoñen un valor engadido na formación dos titulados, especialmente en áreas punteiras como as redes 5G, os vehículos híbridos, a ciberseguridade ou a robótica”. “Para este curso incrementamos a oferta dos másteres nun 55%, superando as 1.000 prazas, e abrimos a súa oferta a calquer titulado de FP e as graduados universitarios”, declarou.

Ademais, destacou que os centros de FP galegos contan este curso cun total de 85 aulas de emprendemento e 42 espazos de tecnoloxía aplicada “onde os estudantes entran en contacto con elementos e ferramentas tecnolóxicas que se empregan nas empresas e poden mellorar as súas perspectivas laborais”. “Ademais, contamos con 31 viveiros de empresas en centros FP, coa previsión de crear dous máis este curso, así como o viveiro industrial do Eduardo Barreiros”, dixo.

A maior e mellor oferta

“Todas estas iniciativas entroncan cos obxectivos da Estratexia FP Galicia 2030 e do Plan Innova FP Galicia, as follas de ruta do Goberno galego para continuar consolidando estas ensinanzas ao longo da década”, incidiu o conselleiro.

“Este ano xa demos pasos moi significativos coa maior oferta da historia, de 42.174 prazas en primeiro curso, e cando remate toda a tramitación de matrícula agardamos superar o récord do ano pasado, de case 61.000 matriculados na FP”, afirmou.

En termos cualitativos, explicou que a oferta de FP “está hoxe máis apegada que nunca ás necesidades dos sectores produtivos, dos centros e como novidade, no curso 2023/24 todos os ciclos de grao medio e de grao superior na modalidade de FP dual contan con módulos de lingua estranxeira profesional”, lembrou.

Román Rodríguez quixo tamén transmitir a súa felicitación a Mateo Rubal, Mª Emilia Piedra e Sergio Martínez, os tres alumnos de FP que participaron esta fin de semana no campionato europeo de FP, Euroskills, en Polonia. “Estes rapaces son un exemplo e unha mostra de todo o que a FP pode facer pola mocidade galega”, afirmou.

Licitación da ampliación para finais de ano

No marco da súa visita ao CIFP Fontecarmoa, o conselleiro anunciou que a Xunta está ultimando ampliación deste centro. O proxecto está actualmente en supervisión, e a previsión é licitar as obras cara finais de 2023. Entre as actuacións a realizar, a obra contempla a expansión do edificio e a ampliación da nave de talleres, así como a substitución da cuberta, entre outras.

No que atinxe á oferta deste centro, imparte seis ciclos novos en total. O conselleiro destacou en concreto a posta en marcha este curso de dous ciclos duais de nova oferta en Galicia. "De feito, é o único que ofertou este curso en toda a comunidade o ciclo superior en Electromedicina Clínica, destinado á formación de profesionais que se encargan de xestionar e realizar a montaxe e o mantemento de instalacións, sistemas e equipamentos altamente especializados neste eido", apuntou.

A outra titulación de nova oferta é o ciclo superior en Formación para a mobilidade segura e sustentable, que se ofrece neste centro e en Ourense, e que é moi demandado polas empresas e as asociacións do sector para formar novas persoas para traballar en autoescolas e entidades relacionadas coa educación viaria e a mobilidade.

Para o curso 2023/24 o centro incorpora tamén á súa oferta o máster dual de FP en Robótica colaborativa e o ciclo de grao medio de Coidados auxiliares de enfermaría no réxime para as persoas adultas en modalidade presencial, que complementa a oferta que xa existe, que non é de nova creación pero si son duais: Medio Mecanizado e Superior de Procesos de Calidade e na Industria Alimentaria.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/09/2023