A Xunta quere impulsar o papel dos centros de información á muller para prestar atención directa e experta ás persoas LGTBI

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, asistiu á xuntanza do Observatorio contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero

Avogou por intensificar a colaboración coas entidades que representan ao colectivo para mellorar a vida das persoas en situación de maior vulnerabilidade

Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, participou nunha nova xuntanza do Observatorio Galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero (Observatorio LGTBI). Avogou por intensificar as relacións coas entidades do terceiro sector que traballan coas persoas LGTBI e por aproveitar a experiencia dos centros de información á muller (CIM) para apoiar a este colectivo nas súas necesidades. 

Rivo asistiu por primeira vez a unha sesión do Observatorio LGBTIQ+. Aproveitou para tender a man ao tecido asociativo para intensificar a colaboración coas entidades co obxectivo de iniciar un traballo próspero para mellorar as vidas das persoas que se atopen en situación de maior vulnerabilidade.

A Xunta traballa por unha Galicia diversa na que todas as persoas teñan garantidos os seus dereitos. Tal e como especificou Rivo, reforzarase o Observatorio para enfrontar os retos que esixe a loita contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero e combater cunha ferramenta eficaz o discurso do odio. Unha das novidades pasará por intentar incrementar as xuntanzas no seo do Observatorio.

A conselleira indicou que a Xunta quere impulsar o papel dos Centros de Información á Muller para que poidan prestar unha atención directa e experta ás persoas LGTBI. A comunidade conta con 84 CIMs, recurso esencial no traballo coas persoas, pola súa proximidade, e pola súa consolidación nas contornas -sobre todo rurais- onde atenden unha media de 9.500 usuarias ao ano.

O Observatorio é un órgano colexiado, con carácter consultivo e de participación social. Está integrado pola Xunta, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), as tres universidades públicas galegas, a Delegación do Goberno, os sindicatos UXT, CCOO, CSIF e CIG e a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG). Ademais está aberto á participación de todas as entidades que traballan na Comunidade na defensa do colectivo.

Galicia é referente por contar cun marco legal propio que consolida o principio de igualdade entre o colectivo LGTBI. Tamén conta, tal e como relatou, co Foro de Identidades e Disidencias Sexuais promovido en colaboración co Consello Galego da Cultura que pon o foco na educación en igualdade e tolerancia.

A nova lei da Igualdade (en tramitación parlamentaria) acabará de blindar o compromiso de Galicia coa tolerancia cero ante calquera discriminación por razón de sexo, xénero ou identidade sexual.

Data de actualización: 12/09/2023