A Xunta apoia a XXI Volta Ciclista a Galicia, que comeza o xoves cunha contrarreloxo na Pobra do Brollón

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, subliña que esta cita suporá “unha nova oportunidade para desfrutar a través do deporte da natureza a da oferta turística da provincia de Lugo”

A Pobra do Brollón (Lugo), 11 de setembro de 2023

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou hoxe na Pobra do Brollón na presentación da XXI Volta Ciclista a Galicia, que comeza o vindeiro xoves, 14 de setembro, cunha contrarreloxo neste concello.

Arias resaltou o labor da Federación Galega de Ciclismo para organizar esta competición, que conta co apoio da Xunta. Subliñou que a cita suporá “unha nova oportunidade para desfrutar a través do deporte da natureza e da oferta turística da provincia de Lugo”.

A proba desenvolverase do 14 ao 17 de setembro en catro etapas, dúas delas con saída e meta na Pobra do Brollón. A primeira, de 6,7 quilómetros, será o o xoves 14; e a segunda o venres 15, cun itinerario de 148 quilómetros.

Outros concellos lucenses que percorrerán os ciclistas nas diferentes etapas son Bóveda, Sarria, O Incio, Samos, Quiroga e Ribas de Sil. As outras sedes da Volta, na que competirán 16 equipos, serán A Pobra de Trives, na provincia de Ourense; e a cidade de Pontevedra.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/09/2023