A Xunta propón aos concellos a creación dunha liña de interese municipal para facilitar o acceso á mocidade de Moeche, de San Sadurniño e de Narón á ensinanza non obrigatoria

Segundo o trasladado polos Concellos, a liña disporía dun mínimo de 24 estudantes que poderán acollerse ás vantaxes da tarxeta Xente Nova da Xunta, que lles permite aos menores de 21 anos viaxar gratis no transporte interurbano

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade destaca esta proposta como “unha solución duradeira que permitirá establecer un servizo a medida” para os estudantes “sen afectar ao resto do transporte público e cun custo mínimo que podería chegar a ser de 0 euros para os concellos solicitantes”
 

Ferrol, 11 de setembro de 2023

A Xunta de Galicia propón a creación dunha liña de transporte de interese municipal para facilitar o acceso da mocidade de Moeche, de San Sadurniño e de Narón á ensinanza non obrigatoria. A xefatura territorial da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade remitiu esta mesma mañá un escrito ao Concello de Moeche no que se lle trasladaba esta proposta para dar servizo aos estudantes que cursan estudos de ensinanza non obrigatoria, de Bacharelato e de Formación Profesional, no IES Fernando Esquío de Neda e que carecen dun servizo adaptado ás súas necesidades.

A alternativa trasladada pola consellería pasa por incluír na concesión XG872-Norte da comarca do Eume e leste da de Ferrol esta nova liña como un servizo de interese municipal (SIMU), un recurso co que se ten dado solución a problemas de mobilidade similares noutros concellos galegos como Tordoia, Ames ou Arteixo.

De acordo ao mesmo, subscribiríase un convenio entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e os concellos solicitantes, que asumirían o custo da prestación do servizo ao que tería que descontarse a recadación obtida pola venda de billetes.

Segundo o trasladado polos municipios ao Servizo de Mobilidade da Coruña, a liña disporía dun mínimo de 24 estudantes que farían o equivalente a 10.128 viaxes ao ano e que poderían viaxar gratis grazas á tarxeta Xente Nova da Xunta que lles permite aos menores de 21 anos viaxar de balde no transporte público interurbano de Galicia. Desta forma, a Xunta asumiría o 100% do custo da viaxe destes usuarios que, en todo caso, sería descontado como recadación do importe a pagar polos concellos ao operador. Estímase que a recadación podería chegar a cubrir máis do 90% do custo do servizo de interese municipal, de maneira que de ser empregada a tarxeta Xente Nova, esta sería asumida practicamente de forma íntegra pola Xunta.

Desde o departamento autonómico destacan esta proposta como “unha solución duradeira”, que permitirá establecer un “servizo a medida” para os estudantes facilitando o acceso da mocidade de Moeche, San Sadurniño e Narón á ensinanza non obrigatoria, “sen afectar ao resto do transporte público e cun custo mínimo que podería chegar a ser de 0 euros para os concellos solicitantes”, indican.

Data de actualización: 11/09/2023