O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, participou no acto de apertura do curso académico 2023–2024 do CFEA Guísamo

A Xunta destaca o continuo aumento das prazas ofertadas nos Centros de Formación e Experimentación Agraria

O director sinalou que no presente curso 2023-2024 ofertáronse un total de 328 prazas no que atinxe á formación regrada, o que representa unha suba de preto do 9% en relación co curso anterior e de ata un 17,4% respecto ao curso 2021-2022

Tamén puxo de manifesto o alto grao de cualificación que obtén o persoal formado nos diferentes centros dependentes da Agacal, que o fai especialmente atractivo para a súa inserción no mercado laboral
 

Bergondo (A Coruña), 11 de setembro de 2023

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, participou hoxe no acto de apertura do curso académico 2023–2024 do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) Guísamo. Na súa intervención, o director destacou o continuo aumento das prazas ofertadas nos centros de formación e experimentación agraria.

Neste senso, José Luis Cabarcos sinalou que no presente curso 2023-2024 ofertáronse un total de 328 prazas no que atinxe á formación regrada, o que representa unha suba de preto do 9% en relación co curso anterior e de ata un 17,4% respecto ao curso 2021-2022. Así mesmo, o director puxo de manifesto o alto grao de cualificación que obtén o persoal formado nos diferentes centros dependentes da Agacal, que o fai especialmente atractivo para a súa inserción no mercado laboral.

Cabarcos tamén puxo de relevo a importancia desa man de obra cualificada para a mellora tanto dos rendementos das producións como da conservación do medio ambiente, sen renunciar á calidade do produto. Unha premisa que recollen os novos instrumentos lexislativos da Xunta, como a Lei de recuperación da terra agraria ou a futura Lei da calidade alimentaria, ademais das diferentes estratexias sectoriais levadas a cabo por parte da consellería do Medio Rural.

Por último, o director indicou que os centros de formación da consellería están en constante actualización a través dos cursos de formación continua e das actividades de transferencia, contando ademais cuns medios, instalacións e equipamentos salientables. Tamén destaca a implicación , profesionalidade e especialización técnica do seu persoal docente, o que permite acadar unha formación integral dos alumnos de gran calidade para o desenvolvemento da súa vida profesional e persoal, asegurou Cabarcos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/09/2023