O novo curso escolar comeza en Vigo con 31.184 alumnos de Primaria, ESO, Bacharelato e Educación Especial
A delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, visitou este luns o CEIP Emilia Pardo Bazán con motivo do inicio do curso 2023-24
“Este curso, no ensino público teremos preto de 2.000 alumnos menos en toda Galicia e, a pesares diso, teremos máis profesorado e máis aulas”, destacou
Na etapa de educación infantil o Goberno galego financia 3.400 plazas en Vigo e achega 540.000 euros para as garderías municipais
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, acudiu este luns o CEIP Emilia Pardo Bazán, acompañada do xefe territorial, César Pérez Ares, para visitar ao alumnado que inicia hoxe o curso escolar e facer un percorrido polas últimas reformas levadas a cabo no centro educativo.
A representante autonómica destacou que no municipio vigués iniciaron este luns o curso un total de 31.184 alumnos e alumnas das etapas de Primaria, Educación Secundaria Obrigatoria (ESO), Bacharelato e Educación Especial. A eles hay que sumar os 5.813 nenos e nenas de educación infantil que xa comezaron o pasado día 5 de setembro, o que fan un total de 36.997 alumnos e alumnas.
“Neste curso que arranca teremos menos alumnos no ensino público, preto de 2.000 en toda Galicia, e a pesares diso, haberá máis profesorado e máis aulas”, destacou Ana Ortiz tras a visita ao colexio vigués.
No que se refire a etapa infantil, a delegada territorial sinalou que a Xunta de Galicia financia en Vigo máis de 3.400 prazas na súa totalidade “aforrando miles de euros a todas as familias” da cidade. “Na última convocatoria de axudas, o Goberno galego achegou ao Concello de Vigo máis de 524.000 euros de subvención para o funcionamento e gratuidade das garderías municipais”, sinalou.
Obras executadas
Ortiz apuntou que, tal e como avanzou a pasada fin de semana o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, a Xunta deu un importante impulso á mellora das infraestruturas educativas, con 1.372 obras executadas no que vai de lexislatura nos centros escolares ao abeiro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia.
Delas, 270 son grandes obras que comprenden rehabilitacións integrais, melloras sectoriais, ampliacións e construción de novos centros. Outras 1.040 correspóndense con actuacións de pequena e mediana envergadura e 62 máis son instalacións fotovoltaicas.
Instituto de Navia
Tamén sinalou que de cara ao futuro e no marco do mesmo plan a Consellería ten outras 24 actuacións en carteira, algunhas tan importantes como a construción do novo instituto de Navia, en Vigo, cun orzamento de 14M€.
A matriculación do alumnado nos centros educativos dos 14 concellos dependentes da Delegación Territorial de Vigo para o curso 2023/24 é a seguinte:
Centros públicos, concertados e privados | |||||
Concello | Ed. Infantil | Ed. Primaria | Ed. Especial | ESO | Bacharelato |
Baiona | 172 | 517 | 396 | 141 | |
Cangas | 543 | 1470 | 1 | 1199 | 450 |
Fornelos de Montes | 14 | 44 | |||
Gondomar | 354 | 701 | 447 | 147 | |
Moaña | 365 | 827 | 702 | 217 | |
Mos | 606 | 1504 | 1092 | 457 | |
Nigrán | 311 | 938 | 49 | 700 | 192 |
Pazos de Borbén | 33 | 90 | 84 | ||
O Porriño | 447 | 1097 | 41 | 850 | 221 |
Redondela | 484 | 1332 | 2 | 1092 | |
Salceda de Caselas | 197 | 487 | 363 | 54 | |
Salvaterra de Miño | 224 | 491 | 384 | 151 | |
Soutomaior | 180 | 503 | 525 | 162 | |
Vigo | 5813 | 15237 | 232 | 11830 | 3885 |