O delegado territorial destaca a “tranquilidade” do inicio do curso durante a visita ao CEIP de Espedregada, en Poio

Preto de 117.000 alumnos iniciaron hoxe as clases na provincia de Pontevedra, dos cales 20.700 corresponden á comarca de Pontevedra e 1.750 ao concello de Poio

Reguera destacou a importancia de adaptarse ás novas demandas do alumnado que, cada vez máis opta pola formación profesional
 

Poio, 11 de setembro de 2023

O delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o CEIP de Espedregada, en Poio, onde centos de alumnos comezaron o curso escolar con total normalidade.

A tranquilidade foi a máxima común en toda a provincia onde non se rexistraron grandes incidencias. Neste sentido, o delegado territorial felicitou tanto aos equipos directivos como ao alumnado e aos pais e nais por “poñer da súa parte para facer esta volta ao cole o máis sinxela posible”.

En Pontevedra, preto de 117.000 alumnos e alumnas dende a educación infantil ata o bacharelato iniciaron as clases durante o día de hoxe, dos cales preto de 1.750 corresponden ao concello de Poio e case 20.700 aos total da comarca de Pontevedra, Marín e Bueu.

Canto á repartición do alumnado polas distintas fases educativas, estase notando un cambio de intereses nos últimos anos que leva ao alumnado a decantarse pola formación profesional en lugar do bacharelato.

Reguera fixo referencia durante a súa visita desta mañá ao “gran reto que supón este cambio de tendencia que responde ás novas demandas do mercado laboral que, cada vez máis, precisa de técnicos, de persoas que se dediquen aos oficios”. 

Ademais, destacou o bo traballo realizado durante o verán, cando varios centros da provincia pasaron por reformas de todo tipo. “A maioría de obras nos centros escolares da área territorial de Pontevedra remataron a tempo para que o alumnado puidese volver hoxe ás aulas sen ningunha molestia. Naqueles nos que, pola envergadura dos traballos, isto non foi posible, queremos agradecer a paciencia e a colaboración da comunidade educativa. Estamos a traballar para que as obras rematen o antes posible, pero sobre todo para que rematen ben e cumprindo con todas as medidas de seguridade”, concluíu o delegado territorial.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/09/2023