O delegado territorial da Xunta visitou esta mañá o CEIP Mestre Vide da cidade de Ourense, coincidindo co inicio do curso escolar

Gabriel Alén subliña o esforzo inversor da Xunta na mellora das infraestruturas educativas da provincia de Ourense

Na provincia de Ourense executáronse 248 obras nos centros escolares no que vai de lexislatura ao abeiro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia

Das 248 actuacións, 22 son grandes obras que comprenden rehabilitacións integrais, melloras sectoriais e ampliacións; 7 son instalacións fotovoltaicas e 219 correspóndense con actuacións de pequena e mediana envergadura

O delegado territorial da Xunta destacou o labor dos equipos docentes, “garantes da mellor calidade educativa e humana que adoitan crear nas aulas ambientes de convivencia e aprendizaxe” e arengou aos alumnos a esforzarse día a día para adquisición de coñecementos e valores que lle servirán de ferramentas fundamentais de cara ao futuro

Ourense, 11 de setembro de 2023

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, subliñou o importante esforzo inversor da Xunta na mellora das infraestruturas educativas da provincia de Ourense con 248 obras executadas nos centros escolares no que vai de lexislatura ao abeiro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia.

 

Gabriel Alén detallou que das 248 actuacións, 22 son grandes obras que comprenden rehabilitacións integrais, melloras sectoriais e ampliacións; 7 son instalacións fotovoltaicas, enfocadas a seguir avanzando cara centros educativos máis verdes e máis respectuosos co medio ambiente, e 219 correspóndense con actuacións de pequena e mediana envergadura.

 

Datos totais que o delegado territorial quixo poñer en valor na súa visita esta mañá ao CEIP Mestre Vide da cidade de Ourense, coincidindo co inicio do curso escolar, onde reiterou o compromiso da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades pola mellora permanente dos colexios e institutos, “que reflicte no benestar de alumnos e profesores”.

 

Gabriel Alén destacou o labor dos equipos docentes, “garantes da mellor calidade educativa e humana que adoitan crear nas aulas ambientes de convivencia e aprendizaxe”, e manifestou a súa gratitude á comunidade educativa polo traballo realizado nas últimas semanas para ter a punto os centros para a volta as aulas este luns.

 

Por último o delegado territorial arengou aos alumnos a esforzarse día a día para adquisición de coñecementos e valores que lle servirán de ferramentas fundamentais de cara ao futuro.

 

Obras de ampliación do comedor

 

O delegado territorial da Xunta en Ourense aproveitou a súa estadía no centro para supervisar o estado das obras de ampliación do comedor no CEIP Mestre Vide, nas que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades inviste preto de 39.000 euros.

 

Gabriel Alén explicou que a obra consiste en ampliar a aula de música cara ó almacén, reducindo o tamaño deste de 43,70 m2 a 16 m2 , co que a zona de aula pasa da superficie actual de 47 m2 a 76 m2 aproximadamente. Deste xeito, preténdese utilizar este espazo no mediodía como zona de ampliación do comedor.

 

Para isto trabállase no derrube do tabique que separa ámbolos dous espazos e no seu lugar colocarase un tabique móbil, que permita o dobre uso; así o comedor pasaría a ter unha superficie de 146 m2, dobrando a súa superficie actual.

 

Esta actuación está en consonancia coas directrices do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, que tenta dar resposta ás necesidades de escolarización das zonas con maior demanda de prazas escolares e facilitar aos alumnos con mobilidade reducida os seus desprazamentos polo centro.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/09/2023