A delegada territorial da Xunta en Ferrol visitou esta mañá o CEIP Santiago Apóstolo de Franza onde compartiu cos alumnos e alumnas o primeiro día de clase

Martina Aneiros destaca o esforzo da xunta por mellorar os centros educativos de Ferrolterra no inicio do curso escolar

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, a través da xefatura territorial, acometeu este verán a demolición dun depósito de auga e acondicionamento dun local para o tanque de gasóleo do centro

Nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, hoxe comezaron o curso 2023/2024 un total de 20.531 alumnos de Educación Infantil, Primaria, ESO, Bacharelato e Educación Especial, entre centros concertados e privados

Mugardos (A Coruña), 11 de setembro de 2023

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, destacou hoxe o esforzo do Goberno galego por mellorar os centros educativos e telos a punto para o inicio do novo curso escolar. Así o destacou durante unha visita ao CEIP Santiago Apóstolo de Franza, en Mugardos, onde a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, a través da xefatura territorial, acaba de destinar preto de 7.800 euros á reforma dun local para o tanque de gasóleo e demolición dun depósito de auga.

Aneiros, que estivo acompañada polo alcalde, Juan Domingo de Deus Fonticoba, e a directora, María Begoña Bouza, compartiu este primeiro día do curso escolar cos alumnos deste centro que conta con 46 nenos e nenas escolarizados en Educación Infantil e Primaria. Durante a visita insistiu en que “o Goberno galego seguirá traballando para avanzar cara á adecuación das infraestruturas e no mantemento dunha educación pública de calidade, que se materializa, unha vez máis, na mellora das instalacións para un excelente desenvolvemento da actividade lectiva”.

“Desde a Xunta imos apostar por continuar avanzando cara á excelencia no ensino e aínda que o modelo propio da educación en Galicia goza de boa saúde, sempre hai marxe para mellorar”, indicou Aneiros.

Nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal o curso 2023/2024 comeza hoxe para un  total de 20.531 alumnos de Educación infantil, Primaria, ESO, Bacharelato e Educación Especial, entre centros concertados e privados.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/09/2023