O conselleiro de Sanidade asiste á 29 Festa da solidariedade do Proxecto Home en Vigo remarcando a aposta da Xunta pola normalización na atención ao paciente con trastornos adictivos

Julio García Comesaña remarcou que o financiamento que a Xunta vai dedicar este ano á atención das adiccións desde equipos multidisciplinares é de preto de 12 millóns de euros, cantidade que supón un incremento do 5 % con respecto ao orzamento de 2022

O titular da carteira sanitaria agradeceu á Fundación Monte do Gozo-Proxecto Home o seu compromiso na atención ás persoas con trastornos adictivos
 

Vigo, 9 de setembro de 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, asistiu hoxe á 29 edición da Festa da Solidariedade do Centro do Proxecto Home en Vigo. No presente ano, esta institución está a celebrar o 30 aniversario da apertura do centro de Proxecto Home Galicia en Vigo, realizando unha serie de eventos como conferencias científicas, exposicións e un concerto benéfico.

Cómpre remarcar que, na actualidade, as adiccións son consideradas como unha enfermidade que require un tratamento multidisciplinar e personalizado. Así, ante calquera problema relacionado coas mesmas, aconséllase acudir a un centro de tratamento específico directamente ou ben solicitar axuda aos profesionais de atención primaria, que avaliarán cada caso e derivarán ao centro que proceda.

Dende a Consellería de Sanidade, -dixo o conselleiro-, apostamos firmemente pola normalización na atención ao paciente con trastornos adictivos, e como mostra dese compromiso sinalou a renovación da colaboración da Xunta con Proxecto Home Galicia, por máis dun millón de euros.

O conselleiro subliñou, así mesmo, que o financiamento que a Xunta vai dedicar este ano á atención das adiccións desde equipos multidisciplinares é de preto de 12 millóns de euros, a través dos convenios asinados coas asociacións para a realización dos programas de asistencia destes pacientes e o traballo levado a cabo nas unidades asistenciais de drogodependencias. Esta cantidade supón un incremento do 5 % con respecto ao orzamento de 2022.

Tamén puxo en valor Comesaña outras iniciativas do Goberno galego neste campo, como a actualización do catálogo de programas de prevención; o plan de formación a profesionais sanitarios e equipos de prevención; o anteproxecto de lei de prevención das adiccións en persoas menores de idade; ou o compromiso de 241 contratacións a través do Plan de saúde mental, do que xa se contrataron a 125 profesionais.

Para rematar a súa intervención, o conselleiro agradeceu á Fundación Monte do Gozo-Proxecto Home o seu compromiso na atención ás persoas con trastornos adictivos. Tamén tivo palabras de agradecemento para usuarios, familiares e voluntarios, pola súa forza e perseveranza, así como para as institucións públicas ou privadas que prestaron o seu apoio ao longo destes anos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/09/2023