A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda clausurou hoxe o acto de entrega dun recoñecemento ambiental a Ence Pontevedra

A Xunta aposta pola colaboración público-privada para sumar esforzos na loita contra o cambio climático e avanzar na economía circular

Ángeles Vázquez incide na importancia do papel do tecido empresarial e industrial para garantir unha Galicia máis verde e pon en valor o seu compromiso ambiental

Salienta que coa recente aprobación da Guía de contratación pública ecolóxica búscase potenciar os criterios sostibles e ambientais nas licitacións da Administración galega relacionadas coa adquisición de bens, materiais e servizos

Pontevedra, 8 de setembro de 2023

A Xunta de Galicia incidiu hoxe na necesidade de apostar pola colaboración público-privada para sumar todos os esforzos posibles na loita contra o cambio climático e seguir avanzando cara á implantación da economía circular na Comunidade.

Esta foi unha das mensaxes principais que trasladou esta mañá a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante a súa intervención para clausurar o evento no que Ence Pontevedra recibiu o recoñecemento de AENOR (Asociación española de normalización de certificación) polos “20 anos de coidado do medio ambiente”.

Tras incidir no importante papel que xoga o tecido empresarial e industrial á hora de garantir unha Galicia máis verde, Ángeles Vázquez destacou o apoio da Xunta a empresas que, como Ence, apostan por un modelo de negocio sostible e compatible coa xeración de emprego e riqueza.

Neste sentido, indicou que a mitigación do cambio climático “é un reto de todos” e por iso, explicou que o seu departamento aposta e fomenta desde hai anos a colaboración entre administracións públicas e entidades privadas, para avanzar nesta liña da man de empresas e tecido social.

Así, a vicepresidenta referiuse ao esforzo realizado nos últimos anos desde o Goberno galego para impulsar diferentes tipos de ferramentas que marquen o camiño a seguir para facer á Comunidade máis resiliente ante o cambio climático e avanzar na transición do actual modelo produtivo e de consumo lineal a outro circular no que os residuos volvan converterse en recursos. 

A modo de exemplo, lembrou que en 2019 se aprobaron a Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 e a Estratexia Galega de Economía Circular 2020-2030, ás que se sumou dous anos despois a Lei de residuos e solos contaminados e iniciativas como o Pacto das alcaldías, do que a Xunta asumiu o papel de coordinadora en Galicia, ou a Alianza galega polo clima, exemplo claro da aposta do Executivo autonómico pola colaboración público-privada para avanzar na mitigación do quecemento global.

Na mesma liña, Ángeles Vázquez tamén se referiu á recente aprobación por parte do Consello da Xunta da primeira Guía de contratación pública ecolóxica, un manual de consulta e referencia co que se pretende facilitar e potenciar a introdución de criterios ambientais nas licitacións da Administración galega relacionadas coa adquisición de diferentes tipos de bens, materiais e servizos.

En concreto e tendo en conta a actividade á que se dedica Ence, explicou que, por exemplo, a guía avoga como requisito de contratación a ter en conta polos licitadores públicos autonómicos o recurso a papel a base de fibra virxe (pasta procedente de madeira de explotacións forestais) en cuxa fabricación se utilice, polo menos, un 20 % de fibras con certificación de xestión forestal sostible e con garantías de trazabilidade.

Por último, a vicepresidenta considerou que todas estas medidas, instrumentos normativos e iniciativas contribúen a que Galicia estea máis e mellor preparada ante os retos climáticos e concretamente, para avanzar cara ao obxectivo dunha Galicia neutra en emisións. De feito, subliñou que a día de hoxe é xa a segunda comunidade española que máis logrou reducir os gases de efecto invernadoiro, cunha caída das emisións brutas GEI no ano 2021 do 34 % respecto ás cifras de 1990.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/09/2023