O conselleiro do Medio Rural, o director xeral de Defensa do Monte e os alcaldes de ambos concellos visitaron a zona na que localizarán as instalacións

A Xunta constata a boa marcha dos traballos da futura base de medios áereos transfronteiriza en terreos dos municipios ourensáns de Verín e Oímbra

As máquinas actúan xa na nivelación do terreo para a explanación da pista, tal e como recolle o proxecto, que foi publicado en marzo pasado no Diario Oficial de Galicia

A posta en marcha desta base, que contará cunha superficie de 23 hectáreas e estará dotada dunha pista de 1.200 metros de lonxitude e 30 metros de ancho, suporá por parte do Goberno galego un investimento de 4,3 millóns de euros

As instalacións enmárcanse no proxecto europeo Interlumes, no que ademais da Xunta participan o Goberno portugués e outras institucións de Galicia, Castela e León e Estremadura, e co que se prevé un investimento total de máis de 9 millóns de euros
 

Oímbra (Ourense), 10 de setembro de 2023

A Xunta constata o bo ritmo dos traballos de construción da base de medios aéreos transfronteiriza que se enmarca no Proxecto Interlumes e que se situará en terreos dos concellos ourensáns de Verín e Oímbra. O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, así como polo alcalde de Verín, Gerardo Seoane, e pola rexedora de Oímbra, Ana Villarino, supervisou a marcha destes labores.

Así, o titular de Medio Rural e as demais autoridades puideron comprobar que as máquinas xa están traballando na zona, concretamente con actuacións de nivelación do terreo, é dicir, na explanación da pista, tal e como recolle o proxecto, que foi publicado en marzo pasado no Diario Oficial de Galicia.

A posta en marcha desta base suporá un investimento de 4,3 millóns de euros. En concreto, as obras consisten na construción da primeira base de avións transfronteiriza para reforzo da capacidade operativa de resposta na extinción de lumes forestais, co obxectivo de consolidar os mecanismos de cooperación na fronteira hispano-lusa a prol da cohesión territorial e da constitución dunha organización de resposta conxunta na xestión de emerxencias entre rexións en materia de incendios.

Aeronaves e depósitos de carga en terra

As futuras instalacións caracterizaranse pola súa adecuación a aeronaves especializadas en extinción, tanto avións de carga en terra como helicópteros e, mesmo, avións anfibios, polo que estará dotada con distintos tipos de depósitos de carga en terra.Con categoría 2 de aeródromo, contará cunha superficie de máis 30 hectáreas e estará dotada dunha pista de 1.200 metros de lonxitude e 30 metros de ancho, con 15 metros a cada lado de superficie acondicionada. En cada extremo da plataforma de rodadura instalaranse balizas luminosas e haberá un hangar con capacidade para seis avionetas de carga en terra.

A maiores, ademais dunha construción duns 300 m² con estancias individuais para a tripulación, a base estará dotada de tanques de auga cunha capacidade mínima de 40.000 litros. Tamén contará con bombas de alta capacidade para un caudal mínimo superior a 350 l./min. Así mesmo, haberá equipos de extinción compostos por tres depósitos de auga e por unha rede de hidrantes (bocas de incendio).

A base enmárcase na iniciativa europea Interreg-POCTEP Interlumes, na que ademais da Xunta participan o Goberno portugués e outras institucións de Galicia, Castela e León e Estremadura, e coa se prevé un investimento total de máis de 9 millóns de euros, destinados a mellorar a coordinación e a eficacia na loita contra os incendios forestais no territorio fronteirizo hispano-luso, e no que o POCTEP achega o 75% dos fondos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/09/2023