A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe a XV edición desta feira

Lorenzana anima a visitar a Feira Tradicional dos Remedios de Ponteareas, escaparate dos oficios tradicionais galegos

O evento constitúe un punto de encontro e de divulgación da marca Artesanía de Galicia e dos oficios artesanais, así como unha data de referencia vinculada ao turismo da zona

Ponteareas (Pontevedra), 9 de setembro de 2023 A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, animou hoxe a visitar a Feira Tradicional dos Remedios de Ponteareas, un evento anual no que se combina a comercialización de pezas de Artesanía de Galicia, coa demostración de oficios tradicionais, a venda de produtos gastronómicos e actividades lúdicas relacionadas coa artesanía e coa música.

O evento constitúe un punto de encontro e de divulgación da marca Artesanía de Galicia e dos oficios artesanais, así como unha data de referencia vinculada ao turismo da zona. Na edición deste ano hai 18 expositores de Artesanía de Galicia, postos de alimentación e demostracións de oficios como a cantería, a cestería, as redeiras, latoeiros, zoqueiros a elaboración de tellas ou o torno.

A Fundación Artesanía de Galicia colabora nesta XV edición da Feira Tradicional dos Remedios de Ponteareas coa organización de tres talleres de artesanía abertos ao público, gratuítos e sen inscrición previa, que se están a celebrar entre o venres e o sábado en horario de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas. Trátase dun obradoiro de Encadernación á xaponesa e dun obradoiro de Cianotipias, ambos os dous impartidos por María José Martínez e José Antonio Carrera; así como un taller de Torno cerámico, a cargo do ceramista Carlos San Claudio.

A demostración de oficios e os obradoiros abertos dirixidos a todo tipo de públicos supoñen unha das vías máis efectivas para a achegarlle a artesanía á sociedade e, especialmente, aos máis pequenos. Deste xeito contribúese a fomentar o relevo xeracional, a visibilizar a marca Artesanía de Galicia e a transmitirlle á sociedade os valores e o traballo que implica a artesanía.

Os expositores de Artesanía de Galicia que participan este ano están especializados en oficios como a xoiería, a cerámica, os xoguetes, o coiro, a madeira, o papel ou o téxtil. Trátase dos talleres Mioco Diseños (A Coruña), Ana Freiría (Vigo), Susana Rodríguez Ambrosio (Salvaterra de Miño), Rosa Fraiz (Vilagarcía de Arousa), Taller O Sibeiro (Soutomaior), Enxógate (Quiroga), Artesanía en coiro Tres pés (Pontevedra), Lucía Casado Fernández (Barbadás), Como pez en el agua (Vigo), Tony Artesán (Marín), Merino Coqueta (Tui), Senda Coiro (A Pobra de Brollón), Chorima (O Porriño), Lulinto (Ponteareas), Mestura de Kores (Vigo), Miudiño S. Coop. Galega (Vigo), Verdecima (Mos) e Noga Arts (Santiago de Compostela).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/09/2023