O presidente do Goberno galego inaugurou hoxe o curso universitario 2023-2024 en Vigo

Rueda destaca a aposta da Xunta pola investigación universitaria cun programa específico de 120 M€ ao ano

Impulsar o I+D+i supón o 25 % dos fondos anuais que o Goberno autonómico destina ás universidades, convertendo a Galicia na comunidade con maior investimento neste ámbito

O mandatario galego defende este apoio para seguir mellorando a “excelencia” dun sistema universitario galego “referente de calidade”, que considerou clave na construción actual e futura de Galicia

O Executivo galego aprobou esta semana unha liña de axudas de 19 M€ para que os campus contraten a tecnólogos de apoio para o seu labor científico

Galicia mantén conxelados os prezos das matrículas de grao e mestrados desde hai 13 anos

Vigo, 8 de setembro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a aposta do Goberno galego pola investigación universitaria a través dun programa específico de máis de 120 millóns de euros ao ano e tamén cun novo plan de achegas para que as universidades contraten un cento de tecnólogos especializados en I+D+i.

Durante a inauguración do curso académico 2023-2024 en Vigo, Rueda defendeu este apoio por parte da Administración galega para seguir mellorando a “excelencia” dun sistema universitario galego “referente de calidade”, que considerou clave na construción actual e futura de Galicia. 

Precisamente, lembrou que as tres universidades públicas galegas se sitúan nos “postos de cabeceira” das mellores do mundo, “algo que non é casualidade, senón froito de moito esforzo”, valorou. Ademais, puxo en valor os estudos que ofrecen, a renovación constante da oferta académica e a presenza de grupos de investigación “moi punteiros” no eido internacional. “Están á vangarda”, enxalzou.

Rueda lembrou que a universidade é o principal motor da investigación en Galicia ao concentrar case a metade (3.400) dos profesionais que exercen na comunidade. Ademais, resaltou a importancia de contar cun sistema de investigación forte para afrontar os retos da sociedade actual, en referencia ao cambio climático, a transición enerxética ou o avance da tecnoloxía.

Para iso, a Xunta conta cun programa específico de investigación dentro do Plan de Financiamento Universitario 2022-2026. Un 25 % dos fondos anuais que o Goberno autonómico achega as universidades vai destinado a que impulsen o seu sistema de I+D, o que supón que Galicia é a comunidade que maior porcentaxe destina a esa cuestión. En concreto, dos 483 millóns de euros que a Xunta transferiu neste 2023 aos campus -a maior cifra da súa historia-, un total de 120,6 millóns foron para investigación.

Ademais, o mandatario galego lembrou que a Xunta acaba de lanzar o Plan Reforza da Investigación Universitaria polo que a Administración autonómica destinará case 19 millóns de euros ata 2026 para que as tres universidades galegas contraten un cento de profesionais expertos na xestión de I+D. Darán apoio a súa actividade e impulsarán a transferencia de coñecemento dos seus resultados.

A universidade, garantía de igualdade de oportunidades

Durante a súa intervención, Rueda destacou o papel fundamental que a universidade ten para garantir a igualdade de oportunidades e configurar a sociedade do futuro. Nesta liña, salientou o importante papel que xoga o sistema universitario galego na construción da Galicia do mañá: unha terra de oportunidades, que conte con profesionais de excelencia e referente no eido da investigación avanzada.

De igual xeito tamén fixo mención ao firme compromiso do Goberno galego coa educación superior con medidas como dotar de estabilidade ás universidades a través dun Plan de Financiamento a cinco anos que lles permite planificarse e traballar con antelación. O actual Plan 2022-2026 está dotado de 3.177 millóns de euros e Galicia sitúase como a terceira comunidade que destina maior porcentaxe do seu PIB (o 0,71 %) á educación superior.

Ademais, Galicia mantén conxelados os prezos das matrículas de grao e mestrados desde hai 13 anos, unha medida na que foi pioneira en España.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/09/2023