A Xunta comezará a vindeira semana novos traballos de limpeza nas marxes da autovía AG-58 do acceso a Cacheiras, no concello de Teo

Continuaranse as tarefas en marcha na AG-64, nos concellos de Narón e de San Sadurniño; e na vía de altas prestacións CG-1.5 en Brión e Noia
 

Na provincia de Lugo avanzarase nas limpezas na estrada LU-540, nos municipios de Viveiro, Ourol, Muras e Xermade
 

Pereiro de Aguiar; e coas limpezas na OU-902, ao paso polos concellos do Carballiño e do Irixo, e na OU-801, en Padrenda e en Ribadavia
 

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2023

A Xunta comezará a vindeira semana novos traballos de limpeza na autovía AG-58 do acceso a Cacheiras, no concello do Teo.

 

Tamén, na provincia da Coruña, seguirán en execución as actuacións xa en marcha na autovía autonómica AG-64, nos concellos de Narón e de San Sadurniño; e na vía de altas prestacións CG-1.5 en Brión e Noia.

 

Na provincia de Lugo, continuarase coas tarefas iniciadas a finais do pasado mes de agosto na LU-540, ao paso polos municipios de Viveiro, Ourol, Muras e Xermade.

 

Na provincia de Ourense, proseguiranse os traballos na estrada OU-902, ao paso polos concellos do Carballiño e do Irixo; e na OU-801, en Padrenda e en Ribadavia. Ademais, continuarase coas tarefas de axardinamento da glorieta situada na OU-536, á altura do concello do Pereiro de Aguiar.

 

Na provincia de Pontevedra, continuarase avanzando nas intervencións en execución nas marxes da AG-46, que une Moaña e Cangas; e nas vías de altas prestacións VG-4.6, que comunica os municipios de Cangas e de Bueu, e na do Morrazo (CG-4.1.), Moaña-Cangas.

 

Seguirán, ademais, os traballos iniciados nas pasadas semanas de instalación de valado perimetral no tramo da vía de altas prestacións VG-4-7, entre Carril e Baión, no municipio de Vilagarcía de Arousa; e tamén proseguirán as tarefas de axardinamento na glorieta da estrada PO-549 ao paso por Corón, en Vilanova de Arousa.

 
Seguridade viaria e prevención

Estas intervencións están enmarcadas no novo contrato coa empresa pública Seaga para o control da biomasa das marxes das estradas autonómicas, que supón un investimento de preto de 3 M€ para os dous próximos anos.

 

As actuacións consisten no roce de vexetación na zona de dominio público das estradas autonómicas, así como no acondicionamento de zonas verdes en sendas peonís e glorietas e a reposición ou reparación de elementos de valado perimetral das estradas.

 

O Goberno galego, con este programa, segue a intensificar as súas accións para previr o risco de lumes e contribuír ao reforzo da seguridade viaria mediante o aumento da visibilidade e as accións para facilitar o tránsito de peóns e ciclistas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/09/2023