A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade supervisou esta mañá o avance destas actuacións

Ethel Vázquez destaca o esforzo da Xunta na mellora do sistema do saneamento municipal de Vilagarcía, con máis de 10 M€ de investimento para acabar cos vertidos ao río Con e á ría de Arousa

Vázquez Mourelle sinala que o obxectivo das obras, que rematarán na 1ª metade de 2025, é acadar un sistema de saneamento renovado e eficiente para rematar cos problemas de vertidos e inundacións en Vilagarcía de Arousa
 

Os traballos comezaron en abril e atópanse a pleno rendemento, concentrados os esforzos no tanque de tormentas de Fexdega
 

A conselleira sinala que xa se instalaron os muros pantalla, se demoleron os muretes guía e de forma inmediata, comezará a escavación, avanzando paralelamente nos traballos da impulsión da zona da Praza de Abastos, onde se situará o segundo tanque
 

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 8 de setembro de 2023 A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destaca o esforzo da Xunta na mellora do sistema do saneamento municipal de Vilagarcía, destinando máis de 10M€ de investimento para acabar cos vertidos ao río Con e á ría de Arousa.

Vázquez Mourelle supervisou hoxe o progreso destas obras, cuxa finalización se prevé na primeira metade de 2025.

A actuación está cofinanciada con fondos europeos do programa FEDER .

O obxectivo destas actuacións é acadar un sistema de saneamento renovado, eficiente e ben planificado para rematar cos problemas de vertidos e inundacións en Vilagarcía de Arousa.

Os traballos comezaron o pasado mes de abril e atópanse a pleno rendemento, concentrados os esforzos na zona do tanque de tormentas da avenida Rodrigo de Mendoza, no eido de Fexdega.

A conselleira concretou que se instalaron xa os muros pantalla, se demoleron os muretes guía e de forma inmediata, comezará a escavación. Neste mesmo sector das obras prevese comezar a renovación dos colectores da avenida, así como a renovación da impulsión.

Precisou que, paralelamente, se está a avanzar nos traballos da impulsión da zona da Praza de Abastos, onde se situará o segundo tanque de tormentas.

Recordou que a Xunta, a través do Plan de saneamento local da ría de Arousa, coñece en profundidade o sistema que recibe un exceso de sólidos e unha entrada excesiva de augas limpas e auga do mar que, pola ineficiencia dos colectores e, mesmo con chuvias moderadas, causan inundacións e vertidos.

Para solucionar eses problemas deseñouse este proxecto que abrangue a renovación da rede de máis de 1 km de colectores, na avenida Rodrigo de Mendoza,  na avenida de Cambados e na rúa Valle-Inclan; renovar outro 1 km de impulsións; e a execución de dous tanques de tormentas.

 

Os tanques execútanse na contorna da Praza, cun volume de retención de 3.700 metros cúbicos; e no aparcadoiro de Fexdega, cunha capacidade de 2.080 metros cúbicos.

 

A conselleira lembrou que a xestión do saneamento e da depuración das augas residuais é unha responsabilidade municipal, neste caso do Concello de Vilagarcía de Arousa, pero está a contar co apoio e a colaboración da Xunta para afrontar as deficiencias existentes.

 

Neste sentido, o Goberno galego está a asumir a planificación, a contratación, a execución e o financiamento íntegro das obras destinadas a mellorar o funcionamento dun servizo municipal.

 

A conselleira enmarcou todas estas intervencións nun plan máis amplo que inclúe un conxunto de actuacións planificadas pola Xunta para mellorar o funcionamento do ciclo da auga, prevendo investir outros 23 M€ na mellora e ampliación da depuradora, unha iniciativa que se prevé licitar en canto o Concello complete os trámites necesarios e remita a documentación pendente.

 
 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/09/2023