A Xunta convoca a contratación dun espectáculo de danza de gran formato en coprodución co seu Centro Coreográfico Galego

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destina 60.000 euros a esta iniciativa para fornecer a actividade da súa unidade coreográfica no marco das liñas estratéxicas do Plan Integral para a Danza de Galicia

Entre os criterios de valoración, terase en conta positivamente o incremento do elenco por riba dun mínimo de catro bailaríns ou bailarinas, a proxección exterior da proposta, a xira prevista ou a planificación de actividades de mediación

Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2023

A Xunta de Galicia acaba de poñer en marcha o proceso para a contratación da creación artística dun espectáculo de danza e artes do movemento de gran formato, en réxime de coprodución co Centro Coreográfico Galego. A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destina 60.000 euros para a execución deste contrato, cuxos obxectivos entroncan coas liñas estratéxicas definidas no seu Plan Integral para a Danza de Galicia.

En concreto, a licitación que a Axencia Galega das Industrias Culturais publicou hoxe na plataforma de Contratos de Galicia, afonda nunha das medidas desta folla de ruta, froito dun proceso aberto e participativo co sector, no sentido de fornecer o programa de coproducións do Centro Coreográfico Galego, así como de ampliar o seu campo de acción.

Esta nova contratación sumarase así ao programa de coproducións que a unidade de danza da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades mantén desde hai sete anos e a través do que se favoreceu a estrea de máis dunha vintena de montaxes de danza e de artes do movemento. A través desta liña de actuación, este ano destínanse 45.000 euros para impulsar as novas propostas da compañía La Macana, que levará a escena a peza Sleepwalkers; de Elvi Balboa, cuxa obra se titula Anöa, e do tándem conformado por Diego M. Buceta e Cris Vilariño, que traballan na produción Millo vello.

Maior envergadura

O obxectivo continúa a ser favorecer a produción de danza en todas as súas modalidades, impulsar a creación de espectadores para esta disciplina escénica e consolidar produtos culturais competitivos que xeren retorno. Porén, neste caso apoiarase a creación dun espectáculo de maior envergadura, xa que os proxectos candidatos deberán contar cun elenco mínimo de catro bailaríns, valorándose positivamente a incorporación dun número maior de intérpretes.

Ademais, o equipo artístico e técnico disporá unha persoa responsable para cada unha das seguintes funcións: dirección, deseño de iluminación, xefatura de produción, composición sonora, técnica de son e técnica de iluminación, tendo en conta que estas dúas últimas poden ser desenvolvidas pola mesma persoa e que a dirección artística pode recaer nun dos membros do elenco.

Estrea e funcións

A duración do contrato será de 12 meses desde a súa sinatura, de xeito que a estrea terá lugar no Salón Teatro de Santiago de Compostela no prazo máximo dos seis primeiros meses. A partir dese momento, ofreceranse como mínimo outras catro funcións en datas e recintos propostos pola adxudicataria.

Ademais, estas funcións iniciais deberán contar con cadanseu encontro posterior cos espectadores, ademais de ofrecer un ensaio aberto durante a produción. Con estas actuacións, procúrase ofrecer actividades de mediación e fomento de público necesarias. Neste mesmo punto, contémplase a realización dunha unidade didáctica.

O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día da publicación desta licitación. Para a súa adxudicación, teranse en conta tanto criterios relativos á valoración artística e á adaptación dos proxectos aos obxectivos do Plan Integral para a Danza de Galicia, como outros que teñen que ver coa oferta económica, a proxección exterior da coprodución, a xira prevista, a planificación de actividades de mediación e o incremento do elenco por riba do mínimo esixido.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/09/2023