A Xunta inicia este mes de setembro o V Plan de Formación dirixido ao persoal dos centros de atención á muller e ás vítimas de violencia de xénero

Abordarase a lexislación da trata con fins de explotación sexual, o trauma nas vítimas de violencia de xénero e os recursos ao seu dispor ou a sensibilización e formación sobre a violencia contra a comunidade LGTBI

Ofértanse máis de 1.000 prazas en cinco cursos para o persoal dos 84 Centros de Información á Muller, dos de recuperación e de emerxencia para vítimas de violencia de xénero ou das casas de acollida

Os profesionais poden inscribirse ata o próximo venres 15 de setembro a través da páxina web www.formacioncimgalicia.gal

Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2023

O V Plan de Formación dos Centros de Información á Muller (CIM) de Galicia arrancará o próximo 19 de setembro e prolongarase ata o 12 de decembro. A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade pon en marcha unha nova edición desta iniciativa na que oferta máis de 1.000 prazas para 39 horas de formación distribuídas en cinco xornadas (catro en liña e unha presencial) sobre igualdade e prevención.

Así, ademais do persoal dos 84 CIM galegos, poderán acceder á formación as persoas traballadoras do Centro de recuperación integral para mulleres que sofren violencia de xénero, do Centro de emerxencia para mulleres en situación de violencia de xénero, das casas de acollida e das Oficinas de atención á vítima e á cidadanía de Galicia. Tamén o persoal da Administración que presta servizos na Secretaría Xeral da Igualdade ou nas unidades administrativas de Igualdade das xefaturas territoriais das Delegacións da Xunta.

En concreto, os cursos abordarán a lexislación da trata con fins de explotación sexual, o trauma nas vítimas de violencia de xénero, as prestacións e recursos para as vítimas desta lacra, a violencia de xénero no ámbito xudicial e a sensibilización e formación sobre a violencia contra a comunidade LGTBI.

O equipo docente encargado de levar a cabo estas formacións está conformado por profesionais de diversas áreas como o avogado Gerardo Pardo de Vera Posada, a educadora social da asociación Aliad Ultreia-Rede Galega contra a Trata Ana Barba ou a maxistrada titular do Xulgado do Penal nº 4 de Pontevedra -especializado en violencia contra a muller e violencia doméstica- e xuíza decana de Pontevedra, Belén Rubido de la Torre.

Os profesionais interesados en participar nesta actuación poden inscribirse ata o 15 de setembro a través da páxina web www.formacioncimgalicia.gal.

Apoio aos CIM

Os CIM articúlanse como un recurso clave no traballo en igualdade e violencia de xénero polo seu labor de primeira liña en atención ás persoas en situacións comprometidas, polo que cómpre atender ás necesidades das persoas que colaboran nestes centros.

A Xunta apoia o labor dos Centros de Información á Muller de Galicia e financia este recurso cunha orde de axudas que se convoca anualmente para garantir o funcionamento dos 84 centros que existen en Galicia e que dan cobertura a case 200 concellos.

O Goberno galego financia, en concreto, os postos de traballo -dirección, asesoramento xurídico e atención psicolóxica- e dos axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero, destinando a este programa preto de 4,1 millóns de euros este ano, para que continúen atendendo unhas 9.500 mulleres en cada exercicio.

Este ano, como novidade, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade convocou unha nova liña dotada con máis de 700.000 euros para axudar aos CIM na súa conservación, eficiencia enerxética, accesibilidade e equipamento.

O Goberno galego seguirá a impulsar esta rede de centros para que ningunha muller se sinta desamparada e conte con servizos de axuda o máis preto posible do seu fogar.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/09/2023