A Xunta recibe 57 ofertas para o servizo de redacción de proxectos en materia de estradas nas catro provincias, que suporá un investimento de máis de 4 M€

O contrato está dividido en catro lotes, un por provincia
 

Abrangue desde a redacción de proxectos sinxelos a outros de maior envergadura, que xa requiren da redacción de proxecto de trazado e construtivo, información pública ou trámite ambiental
 

Permitirá atender as necesidades de redacción de proxectos nos próximos anos en materia de mobilidade sostible, seguridade viaria ou conservación de estradas, sen prexuízo de que para obras máis grandes se liciten contratos de redacción independentes
 

Tamén recolle a valoración de proxectos singularizados, como o do novo acceso ao hospital de Ourense, a 2ª fase de mellora da LU-651 en Folgoso do Courel, ou o da VAC Tui-A Guarda, entre o enlace de Areas e a PO-350
 

Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2023  A Xunta recibiu un total de 57 ofertas de empresas para o desenvolvemento do servizo de redacción de proxectos en materia de estradas, que suporá un investimento global de máis de 4 M€. 

Este contrato dividiuse en catro lotes, un por provincia. Os lotes 1, 2 e 4, que se corresponden coas provincias  da Coruña, de Lugo e de Pontevedra, recibiron 14 ofertas de empresas cada un. No caso do lote 3, que se centra na provincia de Ourense, recibíronse 15 ofertas.  

Os traballos obxecto deste contrato teñen como obxectivo prestar servizo de apoio técnico na redacción de proxectos para a realización de actuacións que executa a Axencia Galega de Infraestruturas.  

En todos os caso, o contrato inclúe a redacción de proxectos de trazado e construtivos e de proxectos máis sinxelos, como os de mellora do firme das estradas, de incremento da seguridade viaria ou de execución de itinerarios peonís e ciclistas; pero tamén de proxectos máis complexos que levan aparelladas estruturas, proxectos de urbanización e humanización de travesías en treitos urbanos das estradas da Xunta ou incluso para infraestruturas de novo trazado.  

Abrangue, polo tanto, desde a redacción de proxectos sinxelos, que non teñen complexidade técnica nin precisan expropiacións, ata outros de maior envergadura, que xa requiren da redacción de proxecto de trazado e construtivo, información pública ou trámite ambiental.  

Deste xeito, este contrato de servizo permitirá atender as redaccións dos proxectos necesarias para os próximos anos en materia de mobilidade sostible, seguridade viaria ou conservación, sen prexuízo de que para proxectos grandes, se liciten contratos de redacción independentes, como o caso da autovía Nadela-Sarria. 

Ademais, co fin de facilitarlles aos licitadores a presentación das súas ofertas, este contrato tamén recolle a valoración de proxectos singularizados, como a redacción do proxecto do novo acceso ao hospital de Ourense desde a N-525, a redacción do proxecto da 2ª fase de mellora da estrada LU-651 en Folgoso do Courel, ou a redacción do proxecto da VAC Tui-A Guarda, no treito entre o enlace de Areas e a estrada PO-350. 

 

 

Data de actualización: 08/09/2023