A Xunta pon en valor a colaboración público-privada para impulsar o desenvolvemento rural e a integración social no agro

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural visitou as instalacións de Amicos, asociación sen ánimo de lucro dedicada á atención e integración de persoas con discapacidade intelectual, autismo, parálise, dano cerebral e ás súas familias

Inés Santé coñeceu o importante labor que vén desenvolvendo esta asociación e destacou o apoio da Xunta a este tipo de iniciativas, un respaldo que, entre outras cousas, se plasmou na concesión do 1º premio Agader a Amicos no ano 2017

Ademais, a través do Leader, a entidade recibiu axudas por importe de preto de 400.000 euros que axudaron a financiar a súa actividade

Boiro (A Coruña), 7 de setembro de 2023

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, puxo hoxe en valor a colaboración público-privada para impulsar o agro tanto dende o punto de vista económico como de inserción social dos diferentes colectivos que residen no rural.

Santé visitou hoxe en Boiro as instalacións de Amicos, unha asociación sen ánimo de lucro dedicada á atención e integración de persoas con discapacidade intelectual, autismo, parálise, dano cerebral e ás súas familias. Esta entidade recibiu en 2017 o primeiro premio Agader ás iniciativas de modernización e dinamización do rural galego. Ademais, a través do Leader, Amicos beneficiouse de diferentes axudas nos últimos anos, por un importe total de preto de 400.000 euros, que axudaron a financiar a súa actividade.

A asociación xurdiu no ano 2000, da man dun grupo de nais e pais da comarca do Barbanza movidos pola necesidade de crear un centro que atendese de xeito profesional as súas fillas e fillos, con discapacidades intelectuais. Posteriormente foi medrando e incorporando servizos e centros, ata contar actualmente cun centro residencial, outro de día, outro ocupacional, unha unidade de atención temperá e un centro de educación especial. Ademais, xestiona un fogar educativo, un biocentro, un ecoviveiro e unha unidade de rehabilitación avanzada.

Apoio da Xunta

Nesta visita, a directora xeral coñeceu o importante labor que vén desenvolvendo esta asociación e destacou o apoio da Xunta a este tipo de iniciativas. Neste sentido, lembrou tamén o papel que desenvolve o Goberno galego de xeito coordinado cos 24 grupos de desenvolvemento rural (GDR) da nosa comunidade, encargados de xestionar sobre o territorio a iniciativa europea Leader.

Nesta mesma liña, cómpre salientar que a medida Leader busca impulsar o desenvolvemento rural a través dunha estratexia plenamente participativa e baseada nun enfoque “de abaixo a arriba”, de forma que se garanta a participación activa dos principais axentes locais nestas políticas, a través do labor dos GDR. Polo tanto, estes fondos teñen unha repercusión moi positiva sobre o tecido social e económico das zonas rurais de Galicia.

Así, tal e como recordou a directora xeral, só no período de execución 2014-2020 o Leader supuxo a mobilización de máis de 169 millóns de euros e unha axuda pública no rural galego de 71,5 millóns de euros, coa creación de preto de 1.000 postos de traballo directos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/09/2023