A Xunta lanza o Plan Reforza da Investigación universitaria con 19 M€ para contratar cen tecnólogos de apoio ao labor científico

Rueda asegura que esta pioneira iniciativa se enmarca “na clara aposta” do Goberno autonómico polo I+D

Explica que se trata de profesionais de alta especialización en I+D+i expertos en xestión de proxectos internacionais, captación e divulgación científica e relación cos sectores produtivos, entre outros

O obxectivo é que estes expertos en xestión den apoio á actividade científica dos campus e faciliten a transferencia de coñecemento ao tecido empresarial

Lembra que as universidades contan con 3.400 investigadores, case a metade dos que exercen na comunidade
 

Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que a Xunta vén de lanzar o Plan Reforza da investigación universitaria, a través do cal se vai dotar as tres universidades públicas galegas dun cento de tecnólogos especializados en materia de I+D+i co obxectivo dar soporte á actividade científica que veñen desenvolvendo e facilitar a transferencia de coñecemento ao conxunto do tecido empresarial. Unha medida que enmarca “na aposta clara da Xunta polo I+D”.

Rueda resaltou que as tres universidades galegas “contan con 3.400 investigadores”- o 45,5 % das case 7.500 persoas investigadoras na comunidade autónoma, segundo datos do INE de 2021- que “captaron nos últimos anos a través de programas de investigación preto de 350 millóns de euros”. Con esta novidosa acción, que se pon en marcha por primeira vez este ano, a Xunta vai destinar case 19 millóns de euros a que as universidades reforcen o seu cadro de persoal con profesionais na xestión do I+D.

Esta acción materializarase a través dun convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e as universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, ao cal hoxe deu luz verde o Consello da Xunta.

Para tal fin, o Plan Reforza da investigación universitaria recolle un orzamento de 18.798.120 € para o período 2023-2026, ao abeiro do cal as tres universidades galegas poderán contratar un cento de tecnólogos de apoio ao seu labor científico. O plan establece como obxectivos básicos o desenvolvemento e consolidación dos servizos de apoio á investigación dentro do Sistema Universitario de Galicia (SUG) ao tempo que axudar as universidades a optimizar e incrementar as súas capacidades en investigación, captación de recursos (de talento e de fondos), transferencia de coñecemento e internacionalización.

Segundo explicou o presidente, os tecnólogos contratados serán profesionais xestores de I+D+i especializados en cuestións como “a xestión de proxectos internacionais”, a negociación cos sectores produtivos, a posta en valor de resultados de investigación, “a protección da propiedade intelectual”, o aproveitamento das infraestruturas científico-técnicas” ou a xestión de recursos humanos” e de comunicación, entre outros.

Así pois, estes profesionais actuarán de nexo nas relacións entre os organismos de financiamento da investigación e a comunidade científica, tendo en conta cuestións como as diferencias culturais e xurídicas entre países e entre o mundo académico e a industria. Isto é, xogarán un papel clave na xestión do bo funcionamento dos proxectos de investigación liderados polos científicos que traballan nas tres universidades públicas galegas.

Esta acción, enmarcada no Plan galego de ginanciamento universitario,  supón un novo impulso da Xunta de Galicia no apoio ás tres universidades públicas galegas e á súa actividade científica con financiamento específico para a introdución desta nova figura de experto tecnólogo.

Esta nova dotación supón avanzar un chanzo máis na aposta por afianzar un sistema de investigación universitario forte e competitivo con apoio estrutural e estable no referido ás estruturas de investigación. Isto materialízase en partidas orzamentarias anuais específicas para o funcionamento dos oito centros que forman parte da Rede de centros de investigación de Galicia e o funcionamento basal de 285 grupos científicos en activo e para o apoio á carreira investigadora (coas convocatorias anuais de contratos predoutorais e posdoutorais) e á atracción do talento a través de axudas ás universidades para financiar os gastos de contratación de científicos do Consello Europeo de Investigación (ERC) e dos programas estatais Ramón y Cajal e Juan de la Cierva.

As universidades públicas concentran o groso da investigación en Galicia

Non en balde, en Galicia as universidades públicas representan o maior ecosistema de investigación e transferencia de coñecemento de Galicia.

A punta de lanza son os oito centros da Rede de centros de investigación de Galicia, que lideran a actividade científica universitaria galega con 1.369 científicos en activo que representan o 18 % do total de persoal investigador de Galicia e aproximadamente o 40 % persoas investigadores das tres universidades públicas.

Captación de fondos e publicación de artigos científicos

No que atinxe á actividade investigadora universitaria, cómpre destacar que no período 2018-2020, o Sistema universitario galego captou ingresos por un importe total de 347 millóns de euros (246 M€ a través de fondos de concorrencia competitiva e outros 101 M€ en fondos non competitivos, a través de convenios e contratos de prestación de servizos fundamentalmente). Isto representa un 6,21 % dos recursos captados polo conxunto das universidades españolas.

No caso das axudas competitivas, algo máis da metade (125 millóns) corresponden a fondos para proxectos de investigación. E deles, o 33 % son de orixe local e autonómica.

No caso dos ingresos non competitivos, a meirande parte (96,4 M€) foron xerados por actividades de transferencia de coñecemento como patentes ou spin-off, entre outros. De feito, segundo os datos do Informe I+TC da Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE), as tres universidades públicas galegas crearon un total de 22 empreas spin-off.

Tamén no mesmo período, publicaron preto de 15.000 artigos, o que representa o 6 % de todas as publicacións científicas do sector universitario español.


Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/09/2023