A nova Lei de Calidade Alimentaria garantirá a excelencia dos produtos galegos e mellorará a súa competitividade no mercado

Rueda destaca que converterá a Galicia na primeira comunidade cunha certificación de sustentabilidade para a produción, coa que acreditará que se respectou o medio ambiente, os dereitos dos traballadores e se pagou a materia prima a un prezo axeitado

O Consello da Xunta deulle o visto e prace a nova normativa, que actualiza a de 2005 para adaptar o sector á actualidade, e será remitida ao Parlamento para a súa aprobación definitiva

Outra das principais novidades da lei é a creación de dous órganos de consulta e participación do propio sector: o Consello Alimentario de Galicia e a Mesa da Calidade Alimentaria Diferenciada de Galicia

Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2023  O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, puxo en valor a nova Lei de Calidade Alimentaria -á que hoxe o Consello da Xunta lle deu o visto e prace e será enviada ao Parlamento para a súa aprobación definitiva- xa que “garantirá a xa alta excelencia dos produtos agroalimentarios galegos e mellorará a súa competitividade no mercado”. 

Rueda explicou que o marco normativo que regula a calidade destes produtos en Galicia databa de 2005, polo que era precisa unha actualización para adaptalo á realidade actual do sector, en referencia a extensión do uso das novas tecnoloxías na producción ou a incorporación da venda en liña por parte dos produtores.

 O presidente da Xunta explicou que o obxectivo deste texto legal é fomentar e garantir a elaboración de produtos sustentables e de calidade diferenciada en Galicia. E iso pasa, segundo precisou, por reforzar a seguridade xurídica das empresas do sector e dar as máximas garantías aos consumidores de que os produtos pasan polos máis rigorosos controis de calidade. 

“Trátase de garantir a máxima calidade dos produtos elaborados e comercializados en Galicia. Buscamos que o feito de que un produto teña orixe galega sexa sinónimo de excelencia en todo o mundo”, resumiu sobre a lei o mandatario galego, quen asegurou que a futura normativa vai permitir avanzar nese camiño.

Certificado de sustentabilidade

Entre as novas medidas que incorpora a nova lei, Rueda salientou a creación dun certificado de sustentabilidade, que acreditará que na elaboración do produto respectouse o medio ambiente, os dereitos dos traballadores ou que se pagou a materia prima a un prezo axeitado.

O presidente autonómico aclarou que adherirse será algo voluntario. No entanto, puxo en valor que os produtos que cumpran os requisitos contarán cun logo identificativo. “Deste xeito, Galicia vai ser a primeira comunidade de España en contar cunha certificación de sustentabilidade para a produción alimentaria”, subliñou Rueda sobre a importancia deste certificado. 

Actualización do catálogo de infraccións e sancións

O mandatario galego tamén apuntou que a Lei tamén vai impulsar a produción dentro das denominacións de orixe ou das indicación xeográficas protexidas; afondar na profesionalización dos consellos reguladores; mellorar e actualizar o sistema de inspeccións e controis realizados polas administracións; e actualizar o catálogo de infraccións e sancións para adaptalo a nova realidade, como as vendas por Internet; incluír produtos que non estaban na lexislación actual, como os derivados do viño, en referencia ao mosto ou o vinagre. 

Rueda precisou que a nova lei creará dous novos órganos de consulta e participación do propio sector. Un deles será o Consello Alimentario de Galicia, cuxo fin será o asesoramento na regulación, fomento e promoción da calidade alimentaria. O segundo órgano será a Mesa da Calidade Alimentaria Diferenciada, que terá como obxectivo impulsar este eido.
 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/09/2023