Xoel López, Iván Ferreiro e Los Punsetes encabezan a vintena de bandas e artistas que reúne o Season Fest en Gondomar co apoio da Xunta

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais participa na presentación desta quinta edición, que se desenvolverá do xoves 21 ao domingo 24 e na que tamén actuarán Pablo Novoa, Triángulo de Amor Bizarro ou a portuguesa Capicua

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades contribúe á organización do evento a través das subvencións a festivais de música e da marca FEST Galicia
 

Gondomar (Pontevedra), 7 de setembro de 2023

Xoel López, Iván Ferreiro e Los Punsetes encabezan a vintena de artistas e bandas no cartel do Season Fest, que terá lugar do 21 ao 24 de setembro en Gondomar co apoio da Xunta. Pablo Novoa será o encargado de abrir o xoves 21 esta quinta edición do encontro, ao que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades contribúe a través da súa marca FEST Galicia e da convocatoria anual de subvencións a festivais profesionais de música e de artes escénicas. Mediante estas axudas, en 2023 destínanse 575.000 euros a 26 eventos considerados estratéxicos en cadanseu ámbito artístico.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, acompañou esta mañá o equipo organizador do festival na presentación que tivo lugar na Casa Peralba de Gondomar e na que tamén participaron os representantes do resto das institucións e empresas colaboradoras. Na súa comparecencia, salientou “a riqueza e diversidade” do menú musical que lle brindará ao público o evento, cuxa calidade fica máis que demostrada por desenvolverse baixo o paraugas de FEST Galicia. Con esta marca, lembrou, a Xunta difunde a nosa Comunidade como destino musical de calidade desde os planos das ofertas artística e turística, da sustentabilidade e mais da profesionalidade na xestión.

Nova sede

O Season Fest inaugura en 2023 unha nova etapa en Gondomar, adiando tamén as súas datas de celebración, coa que busca mellorar a experiencia do público a diferentes niveis. O responsable de Industrias Culturais trasladoulle á organización a súa plena confianza en que, desde a súa nova sede en Gondomar, volverá repetir o éxito de cada ano e continuará a súa senda cara á consolidación no circuíto galego de festivais.

O encontro musical, que este ano se suma á axenda global de máis 2500 actividades artísticas que a Xunta está a impulsar ao longo do verán baixo o lema A cultura en Galicia é un CulturON,  repartirá as súas actividades entre tres recintos: a Casa Peralba e o parque das Ánimas, que acollerán os concertos, e o parque da Coelleira, onde quedará instalada a Zona Gastro e terá lugar unha serie de actividades pensadas para o público infantil.

Tras o concerto inaugural de Pablo Novoa & Friends, o programa continuará na noite do venres coa actuación de Los Punsetes. A banda madrileña comparte cartel nesta segunda xornada con Sr Jingles, Habitación Vudú, Visions of Johanna e Señora DJ.

O sábado resérvase para tres dos nomes máis potentes desta quinta edición: Xoel López, Iván Ferreiro e Triángulo de Amor Bizarro. Nesta terceira xornada tamén tocarán Aeronave Adolescente, Xenia, Margarita Quebrada e Anabel Lee. As sesións de Divergente DJ e Señora DJ pecharán a noite.

Xa o domingo, a rapeira portuguesa Capicua, Abraham Boba DJ, Querido, Firmado Carlota, Lusillón, Tarde a Todo e Divergente DJ serán os encargados de pechar esta quinta entrega do Season Fest, para a que están á venda na súa web tanto os bonos como as entradas por día.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/09/2023