Martina Aneiros supervisa as obras de instalación de dous ascensores no CPI O Feal nas que a Xunta inviste máis de 110.500 euros

Actualmente o Goberno galego ten en marcha actuacións de mellora da accesibilidade en tres centros de Ferrolterra, mentres que noutros dous acábanse de licitar os traballos
 

“Estes investimentos son un exemplo do compromiso da Xunta cunha educación pública de calidade que inclúe a mellora das instalacións coa fin de garantir que os escolares dispoñan duns espazos confortables, seguros e accesibles nos que desenvolver a súa aprendizaxe”, indica a delegada territorial
 

Narón (A Coruña), 7 de setembro de 2023.- A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do director do CPI O Feal, Juan Carlos Bedia, e representantes municipais, supervisou esta mañá os traballos que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades está a executar no centro para mellorar a accesibilidade por valor de máis de 110.500 euros. Trátase da instalación de dous ascensores eléctricos, un por cada lado dos que dispón este centro, con capacidade para oito persoas. Ambos están proxectados fóra da envolvente do edificio debido á complexidade construtiva de introducilos polo interior do mesmo.

Segundo puido comprobar a delegada territorial durante a visita, os ascensores sustentaranse sobre unha estrutura metálica que xa se atopa instalada, mentres que restaría por executar o cerramento dos mesmos. A representante da Xunta asegurou que as obras, que se prevé estean finalizadas a comezos de outubro, non interferirán no inicio do curso escolar.

“Estes investimentos son un exemplo do compromiso da Xunta cunha educación pública de calidade que inclúe a mellora das instalacións coa fin de garantir que os escolares dispoñan duns espazos confortables, seguros e sostibles nos que desenvolver a súa aprendizaxe”, sinalou Aneiros.  

Outras actuacións na zona

A delegada territorial lembrou que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades está a acometer en Ferrolterra a instalación doutros dous ascensores. Un deles no CEIP A Gándara, tamén en Narón, valorado en preto de 81.700 euros, cuxas obras se atopan algo máis avanzadas. Neste caso o ascensor vai polo interior do edificio onde estes días se está procedendo á colocación da maquinaria, unha vez executada a estrutura metálica e mentres se culmina co cerramento do mesmo. O outro ascensor estase instalando no CEIP Pazos, de Ferrol. En ámbolos casos a finalización dos traballos prevese para as próximas semanas.

Ás intervencións para mellorar a accesibilidade que se están a acometer nestes tres centros, hai que sumar as que se licitaron recentemente no CEIP Virxe do Mar (Narón) e no CEIP San Isidro (Neda), onde se investirán 156.000 euros na instalación doutros dous ascensores. Todas elas están incluídas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, “a folla de ruta coa que o Goberno galego está modernizando os centros de ensino, converténdoos en instalacións máis eficientes, sostibles e axustadas ás necesidades educativas actuais”, explicou a delegada.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/09/2023