Artesanía de Galicia apoia unha iniciativa de APAMP para premiar a creatividade e o oficio da encadernación artesanal

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participa esta tarde na reunión do xurado do I Premio de Encadernación Artística Apamp impulsado pola Asociación de Familias de Persoas con Parálise Cerebral Apamp con motivo do 25 aniversario do seu taller de encadernación

Os obxectivos deste certame son poñer en valor o oficio da encadernación, fomentar a actividade artística e creativa das persoas con diversidade funcional e reivindicar a calidade artística e artesanal dos produtos realizados nos talleres de encadernación desta asociación, que forman parte da marca Artesanía de Galicia

As seis obras presentadas serán expostas no local comercial Espazo Rodante, no Centro Comercial A Laxe de Vigo, e o premio consistirá nunha residencia artística dunha semana nos talleres de Apamp

Vigo, 7 de setembro de 2023

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participa esta tarde na reunión do xurado do I Premio de Encadernación Artística Apamp, impulsado por esta asociación de familias de persoas con parálise cerebral, con motivo da celebración dos 25 anos do seu taller de encadernación. Os obxectivos do certame son poñer en valor o oficio da encadernación, fomentar a actividade artística e creativa das persoas con diversidade funcional e reivindicar a calidade dos produtos realizados polos participantes dos talleres de encadernación de Apamp.

O premio consistirá nunha residencia artística dunha semana nun entorno urbano onde a persoa gañadora poderá colaborar cos artistas da organización nos talleres da asociación Apamp.

O xurado, que está formado por profesionais da artesanía, da encadernación e da arte, reúnese esta tarde na sala de reunións do Centro Comercial A Laxe de Vigo, para valorar as seis obras de encadernación presentadas ao concurso, deliberar e comunicar as pezas premiadas.

Tras o fallo do xurado, as obras quedarán expostas no Espazo Rodante, establecemento co que conta no Centro Comercial A Laxe A Casa Rodante, a marca propia coa que a Asociación de Persoas con Parálise Cerebral (Apamp) comercializa as pezas de Artesanía de Galicia elaboradas polos seus usuarios nos diferentes obradoiros de artesanía cos que conta nos seus centros ocupacionais. Estes están dedicados á cerámica, ao téxtil, á encadernación, ao papel artesanal, á cestería, ao gravado e á serigrafía.

Data de actualización: 07/09/2023