A Xunta aposta pola formación do persoal da administración da xustiza en materia de violencia de xénero para garantir unha atención de calidade ás vítimas

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, explicou que todos os operadores xurídicos teñen á súa disposición no programa formativo da EGAP deste ano unha ampla oferta de cursos específicos relacionados coa atención ás vítimas de violencia de xénero

O Goberno galego mantén convenios anuais co Consello da Avogacía Galega e co Consello Galego dos Procuradores co obxectivo de ofrecer aos profesionais destes colectivos formación especializada sobre a atención a mulleres e menores que sofren violencia de xénero

A Xunta tamén colabora co Consello da Avogacía Galega no desenvolvemento de accións de atención profesional a vítimas de violencia sexual garantíndolles o asesoramento xurídico por parte dun profesional especializado nestes delitos

Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2023

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, abordou hoxe no Parlamento de Galicia as actuacións levadas a cabo pola Xunta canto á formación do persoal de xustiza en materia de violencia de xénero. Así, lembrou que o Goberno galego, co obxectivo de garantir unha atención e asistencia especializada en materia de violencia de xénero mantén varios convenios co Consello da Avogacía Galega e co Consello Galego dos Procuradores dos Tribunais no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

Con ambos organismos, tal e como lembrou o director xeral de Xustiza,  a Xunta mantén acordos anuais para a posta en marcha, o desenvolvemento e o financiamento de accións formativas dirixidas a profesionais da avogacía e a procuradoría. Trátase de formación especializada sobre a atención a mulleres e menores que sofren violencia de xénero. Na súa intervención, José Tronchoni, especificou que estas accións inclúen módulos específicos sobre menores e violencia de xénero, mulleres estranxeiras e recursos e programas de atención psicolóxica e social en casos de violencia de xénero en Galicia.

Por outra banda, a Xunta -a través da Vicepresidencia Primeira e da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade- mantén un terceiro acordo co Consello da Avogacía Galega para o desenvolvemento de accións de atención profesional a vítimas de violencia sexual, tamén no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. Este convenio conta neste 2023 cun orzamento de 159.860 euros coa finalidade de sufragar un servizo dispoñible todos os días do ano as 24 horas.

Con esta contía búscase compensar a atención xurídica a cada vítima e os gastos de xestión e tramitación das asistencias realizadas polos colexios de avogados, publicidade e difusión e formación específica dos letrados e letradas en materia de asistencia ás vítimas de delitos sexuais. O director xeral de Xustiza aclarou que, deste xeito, a vítima, con independencia de que conte ou non con recursos para litigar, sempre disporá dun profesional especializado en delitos contra a liberdade sexual que a asista en relación coa denuncia e prestando o asesoramento xurídico e o acompañamento necesario na práctica das primeiras dilixencias ás mulleres vítimas de violencia sexual.

Por outra banda, o director xeral de Xustiza detallou a ampla gama de formación á disposición do persoal da Administración de Xustiza en materia de igualdade e violencia de xénero. Só neste 2023, a Escola Galega de Administración Pública (EGAP) inclúe no seu plan de formación unha vintena de cursos para todos os profesionais co obxectivo de garantir a especialización e a actualización nesta materia e o trato especializado ás vítimas neste tipo de delitos.

A programación formativa da EGAP conta con cursos específicos para os integrantes dos corpos de xestión e tramitación procesual e administrativa e auxilio xudicial sobre aspectos como a actividade dos xulgados de garda, a tramitación da violencia de xénero e familiar ou as actividades dos órganos xurisdicionais na execución penal. Para os profesionais do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) a formación aborda, entre outros contidos, a elaboración de informes no traballo social forense.

Ademais, todo o persoal funcionario da Administración de Xustiza -xuíces, maxistrados, fiscais, letrados da Administración de Xustiza, xestores, tramitadores, auxilios, médicos forenses, psicólogos e traballadores sociais das Oficinas de Atención ás Vítimas- poden acceder a formación básica en igualdade e prevención e loita contra a violencia de xénero, así como coñecer os recursos de apoio ás mulleres que sofren esta lacra.

Ademais, abordase esta problemática desde distintas perspectivas e en diferentes contornas como na adolescencia e a xuventude, nas mulleres e nenas con discapacidade, nas mulleres maiores. Ao mesmo, tempo facilitase o estudo de varios tipos de violencia como a familiar, a vicaria, as ciberviolencias sexistas ou as violencias de xénero dixitais como sexting ou sextorsión.

Por último, como complemento á oferta formativa da EGAP, a colaboración entre a Xunta e o Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) permite levar a cabo actividades formativas destinadas a xuíces e maxistrados con destino en Galicia, entre elas as cuestións relacionadas coa atención en materia de violencia de xénero nos xulgados de instrución e do Penal.

José Tronchoni aproveitou a súa intervención para incidir na necesidade de estender a todas as cidades galegas xulgados de violencia sobre a muller exclusivos e excluíntes como os que actualmente funcionan na Coruña e Vigo. Estes tribunais -explicou- permitirían, entre outras vantaxes, poñer á disposición das vítimas os servizos e medios cos que contan en exclusiva estes xulgados, ofrecer unha atención especializada, potenciar as denuncias das vítimas porque os procedementos se resolven en prazos máis curtos, ou reforzar as infraestruturas de protección para as vítimas existentes nos partidos xudiciais.

 

Data de actualización: 07/09/2023