A Xunta impulsa máis de 600 proxectos municipais cun orzamento de 27,2 millóns de euros

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, deu conta no Parlamennto das liñas específicas de apoio aos concellos como a Orde de infraestruturas, o Fondo de Compensación Ambiental e o fondo adicional do Fondo de Cooperación Local

As medidas enmárcanse no compromiso do Goberno galego coas administracións locais a prol da dotación de instalacións e servizos de calidade en todo o territorio
 

Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2023

A Xunta impulsa máis de 600 proxectos municipais a prol de mellores instalacións e servizos cun orzamento de 27,2 millóns de euros a través de diversas liñas específicas de apoio aos concellos, segundo informou hoxe a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto na Comisión 1ª, Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior do Parlamento. Na intervención debullou os resultados de medidas como a orde de infraestruturas de uso público, o Fondo de Compensación Ambiental e o fondo adicional do Fondo de Cooperación Local.

A directora xeral enmarcou estes apoios no compromiso do Goberno galego co eido local e, especialmente, coa veciñanza dos concellos de menor poboación para garantir recursos públicos de calidade en todo o territorio.

Así, a Orde de infraestruturas de uso público, dotada con 3,5 millóns de euros beneficiou neste ano 104 entidades locais na mellora das súas instalacións para a prestación de servizos básicos, de lecer infantil e familiar, deportivos ou culturais. Ourense é a provincia con maior número de concellos beneficiados, 31, que suman achegas por máis de un millón de euros. Tamén superan o millón de euros as axudas recibidas polos 29 concellos da Coruña que recibiron o apoio da Xunta, mentres que 27 de Lugo suman 912.000 euros. No caso de Pontevedra, houbo 17 localidades beneficiadas cun importe global superior aos 552.000 euros.

Segundo indicou Natalia Prieto, os concellos demandan axuda sobre todo para a construción, ampliación, mellora ou cubrición de parques infantís, con 43 proxectos que supoñen un investimento de case 1,5 millóns de euros. As pavimentacións de camiños públicos e a mellora das dependencias municipais foron outras das propostas máis presentadas, con 30 solicitudes que sumaron pouco máis dun millón de euros en ambos os casos. A maiores, houbo un proxecto de renovación das redes de luz pública, cun importe de 33.576 euros.

Apoio á mellora ambiental

A directora xeral afondou tamén no Fondo de Compensación Ambiental que facilitou, cun investimento superior aos 8,2 millóns de euros, actuacións de mellora da contorna natural en 93 concellos ao abeiro da liña competitiva e en 119 ao da liña non competitiva, dirixida a concellos nos que hai parques eólicos.

As accións subvencionables inclúen os servizos municipais dedicados á protección do medio. Entre os obxectivos que deben perseguir figuran a conservación da biodiversidade, o fomento do coñecemento e da utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais, e a recuperación do medio natural degradado ou contaminado. Tamén deben impulsar a eficiencia e o uso sustentable das enerxías renovables, e, en xeral, a protección do medio.

Na liña competitiva, a meirande parte dos concellos beneficiados son de Ourense, con 40 proxectos que suman un investimento dun millón de euros. Na Coruña houbo 19 concellos beneficiados, cun importe global de 522.000 euros, e en Lugo 18, con case 468.000 euros. En Pontevedra, 16 localidades distribúense máis de 478.000 euros.

Canto ás propostas máis presentadas, Natalia Prieto destacou as destinadas a evitar a degradación ambiental, con 47  proxectos nos que se inviste  máis dun millón de euros. Séguenlles as actuacións de eficiencia enerxética e enerxías renovables, con 35 proxectos financiados con case un millón de euros.

As restantes accións divídense entre compra de vehículos con distintivo ambiental, con sete propostas que suman 204.200 euros, a utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais ou intervencións en núcleos para integrar a contorna natural, con cinco iniciativas financiadas con 159.000 euros, e unha campaña divulgativa por un importe de 33.527 euros.

Na liña non competitiva do Fondo de Compensación Ambiental, os 119 concellos beneficiarios distribúense 5,7 millóns de euros. Deste total, 2,1 millóns de euros correspóndelle a 46 municipios da Coruña, 2,3 millóns a 36 municipios de Lugo, 446.115 euros a 20 municipios de Ourense e 736.813 euros a 17 municipios de Pontevedra.

Compromiso cos concellos de menor poboación

A maiores destas medidas de apoio, a directora xeral referiuse ás distintas liñas do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local, ás que se puideron acoller este ano a meirande parte dos concellos e nas que se investiron máis de 15,5 millóns de euros.

Destinado aos concellos de menos de 15.000 habitantes, o orzamento facilitou a mellora da eficiencia enerxética de edificios municipais en 71 localidades, con 8,5 millóns de euros de investimento, e das redes de abastecemento en 113 localidades, cun investimento de case cinco millóns de euros, así como a adquisición de maquinaria e equipamento en 73 localidades, con case dous millóns de investimento.

Por provincias, Ourense foi a que concentrou o maior número de achegas, con 59 concellos beneficiarios que se distribuíron case 4,6 millóns de euros; seguida da Coruña, con 48 concellos e 4,2 millóns de investimento; de Lugo, con 40 concellos e 3,9 millóns de investimento; e de Pontevedra, con 31 concellos e 2,7 millóns de investimento.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/09/2023