A Xunta visibiliza en Alemaña a obra de grandes escritoras galegas de diferentes épocas, desde Pardo Bazán a Luz Pozo Garza

O secretario xeral de Política Lingüística participa na presentación de dous volumes en edición bilingüe e alemán coordinadas polo responsable do Centro de Estudos Galegos en Kiel (Alemaña) e traducidos pola Rede Europea de Tradutores

No acto tamén se deron cita un grupo de estudantes alemáns que cursan lingua e literatura galega ou estudos hispánicos na Universidade de Kiel
 

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2023

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá na presentación de Voces da terra. Seis poetas galegas e Erzählungen (1823-1920), dous volumes coordinados por Javier Gómez-Montero, responsable do Centro de Estudos Galegos da Xunta en Kiel (Alemaña) e elaborados polo dito centro co obxectivo de visibilizar no país xermánico a poesía e a prosa de grandes escritoras galegas de diferentes épocas.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, que estivo acompañado, entre outros, por Olivia Rodríguez, coeditora das antoloxías, e Florian Weber, tradutor das obras, destacou "a enorme contribución da Rede de Centros de Estudos Galegos da Xunta de Galicia en universidades de Europa, Asia e América para difundir polo mundo a nosa literatura e o relevante papel que nela teñen as mulleres, así como para acrecentar o interese de estudantado e persoal investigador pola lingua galega".

Ademais, no acto de presentación tamén se deron cita xunto coa lectora da Universidade de Kiel, Laura Pereira, un grupo de estudantes alemáns que cursan lingua e literatura galega ou estudos hispánicos na dita universidade e que están a percorrer Galicia estes días.

Cultura galega no estranxeiro

Voces da terra. Seis poetas galegas recompila en edición bilingüe galego-alemán varias pezas representativas da obra poética de Luz Pozo Garza, Chus Pato, Pilar Pallarés, Olga Novo, María do Cebreiro e Dores Tembrás. O volume, traducido desde a Rede Europea de Tradutores, inclúe ademais unha pequena biografía de cada unha das autoras, figuras clave da poesía galega contemporánea.

Pola súa parte, Erzählungen (1823-1920), traducida desde a mesma Rede e presentada en versión exclusiva en alemán, é unha antoloxía de contos de Emilia Pardo Bazán que recollen na súa maioría referentes do galego e dos contextos sociais do agro e das cidades da época.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/09/2023