O director do Instituto Galego da Vivenda e Solo compareceu hoxe no Parlamento

A Xunta licitará este ano as obras de rehabilitación de 5 inmobles en Ferrol Vello para destinalos a alugueiro social

Heriberto García avanza que estes edificios se sumarán ao xa rehabilitado en Argüelles 1 e aos traballos iniciados en agosto noutros 3 da rúa Carme Curuxeiras

Lembra que Ferrol é o municipio de referencia do programa Rexurbe, impulsado polo Goberno galego en 2018 para comprar inmobles e solares localizados en zonas históricas co fin de recuperalos e reforzar o parque público residencial dos concellos

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2023

A Xunta licitará este ano as obras de rehabilitación e construción de 5 inmobles da súa propiedade no barrio de Ferrol Vello para destinalos a alugueiro social entre os demandantes de vivenda protexida inscritos neste municipio. Así o anunciou esta mañá o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, quen respondeu no Parlamento unha pregunta sobre o estado do programa Rexurbe en Ferrol.

En concreto, explicou que proximamente o IGVS ten previsto sacar a licitación pública os contratos construtivos dos inmobles localizados en Benito Vicetto 17, Castro 22-24 e Espartero 18, 46 e 59, un procedemento que enmarcou na vontade da Xunta de “axilizar” ao máximo posible a recuperación do patrimonio inmobiliario adquirido nos últimos anos en Ferrol co fin de reforzar o seu parque público residencial.

Neste sentido, o director xeral lembrou que Ferrol é o municipio no que o Goberno galego adquiriu un maior número de inmobles no marco do programa Rexurbe, unha iniciativa impulsada no ano 2018 para comprar inmobles e solares en zonas históricas co fin de recuperalos e destinalos á construción de vivendas en alugueiro.

De feito, indicou que Ferrol é o concello de referencia deste programa en Galicia xa que a día de hoxe a Xunta conta xa con 22 edificios en propiedade na cidade e outros 2 en proceso de adquisición, dos que se prevé obter ao redor de medio cento de vivendas que serán cualificadas como de promoción pública e se adxudicarán en réxime de alugueiro. A tal fin, García explicou que a previsión da Xunta é investir na cidade, entre o custo de adquisición e o de rehabilitación, máis de 11 millóns de euros.

Por último, explicou tamén que xa remataron as obras de rehabilitación do primeiro destes edificios, localizado en Argüelles nº 1 e no que xa foron adxudicadas as súas 2 vivendas. Así mesmo, lembrou que o pasado mes de agosto comezaron os traballos construtivos noutros 3 inmobles adquiridos polo IGVS na rúa Carme Curuxeiras.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/09/2023