O 16º FICbueu retratará a vangarda internacional do cinema de autor ao amosar co apoio da Xunta 89 curtas de 30 países

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais participa na presentación do encontro, que neste 2023 inclúe catro fitas galegas na sección oficial e outras 12 no apartado destinado aos nosos cineastas emerxentes

É unha das 11 citas ás que contribúe a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades a través das axudas a festivais do sector audiovisual, liña de subvencións á que destina 225.000 euros

Bueu (Pontevedra), 6 de setembro de 2023

O Festival Internacional de Cinema de Bueu (FICBueu) trazará un amplo retrato da vangarda do audiovisual de autor no plano ao amosar entre o 9 e o 24 de setembro 89 curtas procedentes dunha trintena de países co apoio da Xunta. Esta mostra cinematográfica, que acada a súa 16ª edición, é unha das 11 beneficiarias na convocatoria de axudas a festivais do sector audiovisual, liña de subvencións á que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destina 225.000 euros neste 2023.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, desprazouse esta maña ata Bueu para participar na presentación do programa do evento xunto aos directores do festival, Manuel Pena, María Ruiz-Falcó e Nerea Lores, e representantes do resto das institucións colaboradoras. Na súa intervención, Sutil felicitou a organización pola “ambición e polo esforzo que amosa a potente selección de títulos”, na que se inclúen fitas premiadas no ámbito internacional.

A mostra audiovisual de Bueu, en palabras do representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, ocupa pola súa consolidada traxectoria un “destacado lugar” no circuíto de festivais cinematográficos de Galicia, eixo fundamental na cadea de difusión do noso talento audiovisual. Un talento que estará presente no FICBueu a través de catro producións realizadas na nosa Comunidade que compiten este ano na sección oficial e mais do espazo GZ_00, no que se proxectarán 12 curtas asinadas por cineastas emerxentes galegos este mesmo domingo.

Tributo a Luisa Merelas

O FICBueu, que se suma este ano á axenda global de 2500 actividades artísticas que a Xunta está a promover este verán baixo o lema A cultura en Galicia é un CulturON, renderalles cadanseu tributo ao documentalista neerlandés Joris Ivens, que protagonizará a retrospectiva deste 2023, e á actriz galega Luisa Merelas, que recibirá o Premio Cinema Galego pola súa traxectoria.

A intérprete recollerá o galardón durante a gala de entrega de premios, na que se coñecerá o palmarés dunha sección oficial na que, entre fitas producidas nunha vintena de países, competirán as catro curtas dirixidas ou producidas en Galicia Ulises, de Félix Brixel; Ruovesi, de Andrea Zapata-Girau; Alicia fai cousas, de Ángel Santos, e Sandwich Cat, de David Fidalgo.  

De Sundance a Venecia

As películas a concurso desta 16ª edición do FICBueu están producidas ou coproducidas en 21 países dos cinco continentes. Varias delas foron premiadas nos últimos meses nos festivais máis importantes do panorama internacional. Ese é o caso do documental Will you look at me?, do realizador chino Shuli Huang, galardoado en Cannes, Sundance e Melbourne, ou da fita Snow in September, da directora de Mongolia Lkhagvadulam Purev-Ochir, mellor curta en Venecia e Toronto.

O programa complétase con producións chegadas desde países tan dispares como India, Somalia, Islandia, Costa Rica ou México, variedade de culturas e sensibilidades que lle regalan ao festival unha das edicións máis internacionais da súa traxectoria.

Outras actividades

O FICBueu completa o seu cartel cunha serie de actividades que lle outorgan ao certame unha dimensión completa no seu labor de divulgación cultural. Neste senso, destacan iniciativas como ao MiniFIC, con proxeccións destinadas á rapazada e ao alumnado dos centros de ensino; a ludoteca gratuíta, que se inaugura este ano para fomentar a conciliación no seo do festival, ou as II Xornadas Cinematográficas, conformadas con coloquios, proxeccións e clases maxistrais.

Como novidade deste 2023 e dentro das actividades paralelas, desenvolverase a I Residencia FICBueu, unha decidida aposta do encontro audiovisual pola formación a través dunha residencia artística dirixida pola guionista Isabel Peña e que se desenvolverá en outubro na Illa de Ons co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais e da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia.   

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/09/2023