A Xunta apoia a XXI Volta Ciclista a Galicia na que máis dun cento de ciclistas percorrerán as provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra en catro etapas

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe na presentación desta proba xa consolidada no calendario nacional nas categorías elite e sub-23

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2023

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado polo secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou hoxe na presentación da XXI Volta Ciclista a Galicia. A proba percorrerá a próxima semana, do 14 ao 17 de setembro, catro etapas, a primeira delas contrarreloxo, nas provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra co apoio da Xunta.

Na súa intervención Diego Calvo destacou o bo momento do ciclismo galego, con varias probas propias ao longo do ano que se suman a esta Volta, como o Gran Fóndo Ézaro ou O Gran Camiño. Nesta liña incidiu no labor desenvolvido pola Federación Galega de Ciclismo para a organización dunha nova edición desta competición das categorías elite e sub-23 consolidada no calendario nacional.

Para o vicepresidente primeiro, o esforzo de deportistas, clubs e federacións merece o máximo reforzo social e institucional. Neste eido, o Goberno galego ademais de impulsar o desenvolvemento dos distintos eventos deportivos, apoia esta modalidade deportiva a través de distintas liñas, de xeito que o investimento dos últimos anos supera os 4,2 millóns de euros.

Diego Calvo tivo tamén palabras para o ciclista homenaxeado nesta edición, Gustavo César Veloso, ao que se referiu como “un dos nosos mellores ciclistas” e que se suma a nomes como Óscar Pereiro, Gonzalo Aguiar ou Álvaro Pino. Para o vicepresidente primeiro, en Galicia podemos presumir destes grandes referentes, así como de contar entre 2006 e 2010 co equipo Xacobeo Galicia na categoría profesional ou actualmente co Team Farto BTC “un dos mellores equipos profesionais femininos e dos nosos embaixadores no mundo do deporte”. 

Por outra banda, puxo en valor a importancia do deporte na promoción turística de Galicia, e, no caso concreto da Volta ciclista a Galicia, para dar a coñecer as paisaxes e o patrimonio das localidades que percorre ao longo de máis de 400 quilómetros.

Volta ciclista a Galicia 2023

A Volta ciclista a Galicia consta de catro etapas nas que competirán 16 equipos, a metade deles galegos. Trátase de Vigo Rías Baixas, Aluminios Cortizo, Supermercados Froiz, High Level G. Tormo, Lasal Cocinas Louriña, Retelec Ambilamp, Oiense Escuela Estévez e Club Ciclista Vigués. A eles súmanse formacións de Madrid, Navarra, Estremadura, Cantabria, Castela León e Asturias.

 

Nesta edición a Volta ten como sedes A Pobra de Brollón, en Lugo, onde comeza cunha contrarreloxo, A Pobra de Trives, en Ourense, e a cidade de Pontevedra. Entre as localidades que visitará nos percorridos das distintas etapas figuran Bóveda, O Incio, Larouco, Petín, A Rúa, Quiroga, Ribas de Sil, San Xoán de Río, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Manzaneda, Poio, Sanxenxo, Ponte Caldelas, Soutomaior e Marín.

Data de actualización: 06/09/2023