As obras no Instituto Valle-Inclán de Pontevedra avanzan a bo ritmo e o curso comezará con normalidade o vindeiro día 11

Celébrase a reunión da comisión de seguimento dos traballos, con representación da Consellería, equipo directivo, anpa, técnicos, empresa e Inspección educativa, entre outros
 

Os aseos do andar baixo estarán listos para o próximo luns e a empresa comprométese a acometer traballos de limpeza
 

Presentouse o modelo de aulas móbiles, que está previsto comezar a colocar nas próximas semanas para que o alumnado de Bacharelato poida empregalas a partir de outubro, segundo o estimado
 

Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2023 O xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades na provincia de Pontevedra, César Pérez Ares, participou hoxe na reunión da comisión de seguimento da primeira fase das obras do instituto IES Valle-Inclán, onde informou de que todo está preparado para o inicio do curso.

No encontro, no que participaron membros do equipo directivo, o presidente da anpa, técnicos, Inspección educativa e representantes da empresa, entre outros, explicouse o avance da primeira fase dos traballos. En concreto, os aseos do andar baixo estarán listos para que funcionen con total normalidade cando empece o curso o vindeiro día 11. Ademais, a empresa comprometeuse a realizar traballos de limpeza para que haxa o menor impacto posible.

En canto á instalación das aulas móbiles, cuxo modelo presentou o xefe territorial no transcurso da reunión, todo vai segundo o previsto, de tal forma que os alumnos de Bacharelato iniciarán as clases dentro do centro e trasladaranse a estes módulos segundo as obras avancen. Neste momento as aulas móbiles están pendente do permiso de ocupación de vía pública, que xa se está a tramitar. A previsión é comezar a montalas o día 25 de setembro, unha vez celebrado o Mundial de Triatlón, para que poidan funcionar a partir do 12 de outubro. Unha vez estean colocados realizarase un simulacro de evacuación e emerxencia e realizarase unha nova reunión da comisión de seguimento.

Estas aulas móbiles instalaranse na fachada principal do Valle-Inclán (rúa Montero Ríos). A maiores, na entrada principal colocarase unha rampla provisional para facilitar a accesibilidade. Cómpre lembrar que os 16 grupos de ESO manteranse no edificio do instituto durante toda todas as obras.

No transcurso da xuntanza abordouse tamén a coordinación co Instituto Sánchez Cantón, ao que se trasladarán os alumnos matriculados na Escola Oficial de Idiomas e no réxime de adultos no Valle-Inclán.

A maior obra en marcha

Esta reunión enmárcase no compromiso da Xunta de crear unha comisión de seguimento entre representantes da Consellería, do centro e das familias, con reunións periódicas, para avaliar o seu desenvolvemento abordar calquera cuestión que poida xurdir ao longo do tempo que duren as obras.  

Cun importe de 4,7M€ e un prazo de execución de 16 meses, a rehabilitación integral no Instituto Valle-Inclán supón actuar na totalidade deste edificio histórico. É a maior obra nestes momentos nun centro educativo galego.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/09/2023