O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades visita o instituto IES de Mos

Román Rodríguez subliña que o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica increméntase un 27% ata os 243 M€ para impulsar a modernización dos centros

O orzamento desta folla de ruta sube 52M€ desde os 191M€ previstos inicialmente

O titular do departamento educativo da Xunta agradece o labor de todas as persoas que traballan este verán na mellora dos centros de ensino

Nunha entrevista no ‘Bos Días’ da TVG, ratifica que neste curso “o sistema educativo galego terá máis profesores e unidades pese a ter menos alumnos”

Na súa visita ao instituto, anuncia o remate das obras de ampliación para o inicio de curso e a implantación do ciclo de FP Básica en Servizos comerciais

Mos (Pontevedra), 28 de novembro de 2022

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, destacou hoxe que o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica incrementa un 27% o seu orzamento ata os 243 M€ para atender as necesidades de modernización dos centros. Fíxoo nunha visita ao instituto IES de Mos, onde comprobou o avance das obras de ampliación do centro, incluídas no devandito plan.

Neste contexto, lembrou que esta folla de ruta de mellora dos centros foi aprobada no ano 2021 cunha inxección inicial de 191 M€ e agora amplíase noutros un 52 M€ adicionais. Nela inclúense todas as intervencións que se fan nos centros escolares co fin de que estean mellor acondicionados, máis implicados coa educación dixital e as novas metodoloxías, máis sustentables e máis confortables para alumnado e profesorado.

Así mesmo, Román Rodríguez agradeceu o labor de todas as persoas que traballan este verán na mellora dos centros de ensino. “Temos en marcha máis de 440 obras en toda Galicia e están avanzando a moi bo ritmo grazas á implicación de todas as partes”, sinalou.

Por outra banda, nunha entrevista no programa Bos Días da Televisión de Galicia, o titular de Educación da Xunta avanzou que, a falta de contar cos últimos datos, o sistema educativo galego “terá máis profesores e unidades pese a ter menos alumnos”. Unhas cifras, dixo, que responden á aposta que o Goberno autonómico está a facer no ensino, algo que se resume en dous feitos: Galicia é a terceira comunidade que máis inviste por estudante e o seu departamento conta co orzamento máis alta da súa historia.

Román Rodríguez referiuse, tamén, aos distintos retos deste inicio de curso especialmente marcado pola crecente inflación. Como explicou, ante esta situación, a Xunta ten en marcha eficaces medidas como o incremento en axudas de libros de texto do 12%, o fondo de préstamos ou o bono de material escolar, que chega este curso a un 40% máis de familias, entre outras. “Estamos falando que aproximadamente o 70% dos alumnos reciben algún tipo de axuda por parte da Administración galega”, salientou.

Nova FP Básica e mellor biblioteca

No referido ao instituto IES de Mos, o conselleiro explicou que se invisten máis de 720.000 € nas obras de ampliación. “Unha actuación coa que damos resposta ás necesidades dun dos concellos con maior demanda educativa e que temos previsto ter rematada para o inicio de curso, de tal xeito que os alumnos poidan gozar dos novos espazos desde o primeiro día”, apuntou.

Tal e como explicou, o espazo resultante permitirá impartir o ciclo de FP Básica en Servizos comerciais por primeira vez este curso neste centro. “Introducindo estas ensinanzas neste instituto damos alternativas ao alumnado de Mos, que ata momento tiña que desprazarse a centros públicos de Vigo para cursar FP”, resaltou.

En concreto, aumentouse a zona de aulas do primeiro andar en catro novos espazos, para este e outros usos, todos eles cunha superficie maior de 60 m2 e con iluminación exterior. A intervención redunda tamén na transformación do andar baixo e na ampliación da biblioteca. Neste sentido, Román Rodríguez destacou a importancia das bibliotecas escolares, eido “no que Galicia é un referente a nivel estatal e que se converteron en verdadeiros laboratorios de aprendizaxe e que contribúe aos bos resultados do alumnado galego en compresión lectora”. A nova biblioteca inclúe unha zona de estudo no andar primeiro comunicada co baixo a través da creación dunhas escaleiras.

Con esta actuación, o Goberno autonómico eleva a 1,1M€ o investimento no instituto de Mos, onde en 2020 xa se realizaron traballos de mellora da cuberta.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/09/2023