A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, abordou a situación nunha nova reunión telemática cos municipios do sistema de abastecemento de Pontevedra

A Xunta constata unha mellora no caudal do río Lérez tras as últimas chuvias rexistradas e a baixada do consumo logo das vacacións do verán

A pesar desta lixeira mellora, continúa activa a situación de prealerta por escaseza, pois a recuperación dos ríos non é inmediata e aínda non se ten acadado a normalidade
 

O estado de prealerta por escaseza supón o seguimento intensivo da situación meteorolóxica e dos niveis de ríos e encoros, neste caso da bacía do Lérez
 

A Xunta aconsella aos municipios reforzar a súa coordinación mentres non estea configurado o ente supramunicipal para a xestión conxunta do abastecemento, previsto polos concellos de Pontevedra, Poio, Marín, Sanxenxo, Bueu, Vilaboa e Ponte Caldelas
 

Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2023

A Xunta constata unha mellora no caudal do río Lérez tras as chuvias rexistradas nos últimos días e a baixada do consumo logo das vacacións do verán.

A directora e o xerente de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez e Gonzalo Mosqueira, respectivamente, mantiveron hoxe unha nova reunión telemática cos concellos do sistema de abastecemento de Pontevedra para abordar a situación de prealerta por escaseza de auga na bacía, que se mantén activa.

 

Nesta nova xuntanza participaron representantes dos municipios de Pontevedra, Poio, Marín, Sanxenxo, Ponte Caldelas, Bueu e Vilaboa.

 

No encontro ratificouse a mellora da situación nesta bacía, xa que as precipitacións dos últimos días provocaron un lixeiro aumento do caudal do río Lérez. Ademais, os representantes municipais confirmaron que tivo lugar unha redución do consumo de auga nestes concellos, que ao ser costeiros, viron reducida a presenza de turistas nesta época.

 

A pesar desta lixeira mellora, a directora de Augas de Galicia sinalou que continúa activa a situación de prealerta por escaseza, pois os tempos de recuperación dos ríos non son inmediatos e aínda non se ten acadado a normalidade.

 

Neste sentido, os representantes autonómicos trasladaron aos concellos que a Xunta continúa realizando un seguimento intensivo desta situación de escaseza na bacía do Lérez e da súa evolución.

 

Dadas as circunstancias avaliadas, a Xunta reiteroulle aos concellos a necesidade de habilitar un ente supramunicipal para a xestión do seu abastecemento, que teñen previsto os concellos de Pontevedra, Poio, Marín, Sanxenxo, Bueu, Vilaboa e Ponte Caldelas. Mentres, aconselloulles aos municipios manter a coordinación para garantir unha mellor xestión da auga.

 
Data de actualización: 05/09/2023