A delegada da Xunta en Ferrol dá a coñecer o polo de emprendemento Rías Altas entre o alumnado do programa integrado de emprego da mancomunidade

Narón (A Coruña), 5 de setembro de 2023

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, asistiu esta mañá á apertura da xornada formativa O Emprendemento como alternativa laboral que se celebrou no centro Irmás Froilaz, de Narón, ao abeiro do Programa Integrado de Emprego-PIE da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ferrol.

Aneiros salientou a aposta da Xunta polo emprendemento como “unha vía de xeración de postos de traballo de calidade e un mecanismo de fixar emprego para afrontar o reto demográfico ao que se enfronta Ferrol e as súas comarcas”. Neste sentido, destacou a posta en marcha de iniciativas propias como o polo de emprendemento e apoio ao emprego Rías Altas e Arco Ártabro habilitado no CIS Tecnoloxía e Deseño “a través do que se están a impulsar proxectos que teñan unha vinculación coa contorna, prestándolles servizos de asesoramento e titorización profesional”, indicou.

Durante a súa intervención na xornada na que tomaron parte unha decena de alumnos, a representante da Xunta deu a coñecer os distintos recursos habilitados polo Goberno galego para mellorar a empregabilidade entre os que se atopan tamén as distintas liñas de axudas para apoiar ao sector.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/09/2023