A Xunta confirma a presenza de mosquito tigre no Concello de Redondela

A identificación dun exemplar foille comunicada ao Concello, que se incorporará ao comité técnico para o control deste vector

A concelleira de Medio Ambiente de Redondela xa participou a semana pasada na xornada de formación impartida en Pontevedra pola Consellería de Sanidade

Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2023

A Xunta, a través da Rede Galega de Vixilancia de Enfermidades Transmisibles por Vectores (ReGaViVec) da que tamén forman parte as Universidades de Vigo e Santiago de Compostela, confirmou a detección de mosquito tigre no concello de Redondela.

Grazas á difusión que Xunta e Concellos están a facer da colaboración cidadá para o control deste vector, foi a través da aplicación Mosquito Alert como se notificou a presenta do insecto para que entomólogos de ReGaViVec o identificasen como mosquito Aedes albopictus.

Polo tanto, o Concello de Redondela, ao igual que o de Cangas como estaba previsto, sumarase aos de Moaña e Vigo como integrante do comité técnico do mosquito tigre na reunión que se desenvolverá por vía telemática este xoves.

De maneira preventiva, para reforzar o coñecemento sobre o control do mosquito tigre por parte dos técnicos dos concellos implicados, a Escola Galega de Saúde Pública da Consellería de Sanidade organizou a pasada semana unha formación específica na Xefatura Territorial de Sanidade de Pontevedra, á que xa asistira o Concello de Redondela.

Desde a Consellería de Sanidade agradécese a participación veciñal seguindo os consellos para evitar a proliferación deste insecto, que é vector de enfermidades como os virus do dengue, chikungunya ou Zika, aínda que os exemplares localizados non eran portadores. Por iso, lémbranse pautas sinxelas como eliminar puntos de auga estancada en bebedeiros, pratos baixo macetas, caldeiros á intemperie ou embarcacións co seu simple baleirado ou coa renovación da auga cada 4-5 días.

Publicación do Programa de Xestión Integrada do Vector Aedes albopictus

A Dirección Xeral de Saúde Pública fixo público na páxina web da Consellería de Sanidade o Programa de xestión integrada do vector Aedes albopictus co obxectivo xeral de evitar ou reducir a presenza e a expansión do mosquito tigre (Aedes albopictus) no territorio galego, potenciando e coordinando as actuacións de vixilancia e control realizadas polas distintas administracións e axentes implicados.

 

Trátase dunha actuación prevista no Plan Nacional de Prevención, Vigilancia y Control de las Enfermedades Transmitidas por Vectores, publicado polo Ministerio de Sanidade en abril deste ano 2023.

 

O programa establece unha serie de obxectivos específicos como é coñecer a presenza ou ausencia do mosquito tigre (Aedes albopictus) nunha área xeográfica, detectando precozmente a súa entrada, así como os factores facilitadores do establecemento do mosquito no seu territorio.

 

Pretende, así mesmo, establecer os criterios para a xestión integrada de mosquitos adaptados a cada territorio e apoiar a elaboración de programas de xestión integrada de Aedes albopictus a nivel municipal. Por último, este documento pretende impulsar mecanismos de coordinación entre os diferentes axentes e administracións implicados e incrementar a información e comunicación á poboación sobre as medidas preventivas a realizar, facilitando e impulsando a súa participación.

 

A xestión integrada do vector supón a valoración de risco nun proceso axustado a cada situación con tres etapas fundamentais: diagnóstico de situación no que se determina a natureza e magnitude do problema que xeran os mosquitos, programa de actuación segundo o escenario no que nos atopemos e avaliación do cumprimento do programa e da eficacia das medidas adoptadas.

En función dos resultados obtidos no diagnóstico de situación (DS), establecerase o Programa de actuación municipal contra o mosquito tigre que deberán basearse no escenario de risco definido no diagnóstico e segundo o grao de implantación no municipio (ausente, presente ou limítrofe).

Por último, o programa tamén inclúe actuacións de formación e información para sensibilizar á cidadanía sobre a problemática dos mosquitos e, en especial, motivar á participación social para realizar actividades preventivas nos seus propios domicilios.

Máis información:
Data de actualización: 04/09/2023