A Xunta convoca novas probas CELGA para os niveis 2,3 e 4 na segunda quincena de novembro

Trátase da segunda convocatoria que se efectúa este 2023 para obter os certificados oficiais que acreditan os niveis de coñecemento da lingua galega

O prazo para presentar as solicitudes de inscrición, así como o de pagamento da taxa correspondente aos dereitos de exame, remata o día 25 deste mes

As datas concretas das probas, que terán lugar simultaneamente en Santiago e Ponferrada, publicaranse no Diario Oficial de Galicia e no Portal da Lingua Galega

Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2023

A Xunta de Galicia publica este luns no Diario Oficial de Galicia (DOG) e no Portal da Lingua Galega a convocatoria para inscribirse nas probas que permiten obter os certificados oficiais que acreditan o coñecemento da lingua galega. Trátase da segunda convocatoria que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades efectúa este 2023 e nela prevese a realización dos exames correspondentes aos niveis Celga máis solicitados: nivel 2, nivel 3 e nivel 4.

A realización destas probas terá lugar a segunda quincena de novembro e, de ser o caso, tamén a primeira de decembro, tanto en Santiago de Compostela como en Ponferrada. As datas concretas dos exames publicaranse máis adiante no Diario Oficial de Galicia e mais no Portal da Lingua Galega.

O prazo para presentar as solicitudes de inscrición, así como o de pagamento da taxa correspondente aos dereitos de exame (16,92 €) comeza mañá, 5 de setembro, e remata o luns 25 do mesmo mes. Tanto as ditas solicitudes como o xustificante de pagamento poderán presentarse por vía electrónica, a través do formulario normalizado da sede electrónica da Xunta, ou de modo presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Os certificados de lingua galega (Celga) poden obterse a través da superación destas probas que convoca periodicamente a Xunta de Galicia ou ben a través da validación de estudos nos supostos recollidos na Orde do 10 de febreiro de 2014 pola que se modifica a Orde do 16 de xullo de 2007, na que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega.

Data de actualización: 04/09/2023