A Cidade da Cultura e o Instituto de Ciencias do Patrimonio promoven unha residencia para achegar a antropoloxía ao público desde a experiencia artística

‘Mudar a pel’ é o título deste proxecto que combina investigación académica, imaxe, palabra e son para representar aspectos que afectan como sociedade hoxe en día, como o cambio climático, as migracións, a saúde mental ou os coidados

Os elementos visuais e sonoros buscan transmitir unha vivencia que se sinta co corpo enteiro, máis aló da idea de que a lectura sexa a única liña de acceso ao coñecemento

Esta iniciativa amplía as accións de apoio á creación impulsadas pola Xunta de Galicia dentro do programa de Residencias Artísticas do Gaiás

Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2023

A Cidade da Cultura e o Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit-CSIC) apoian o desenvolvemento dunha nova residencia que combina investigación e experimentación artística para achegar ao público conceptos, teorías e coñecementos académicos dos eidos da antropoloxía e das ciencias sociais. Mudar a pel é o título deste proxecto que están a realizar no Gaiás a profesora e investigadora da UPV/EHU, Mari Luz Esteban, o musicólogo e gaiteiro, Llorián García, e o historiador e artista sonoro, Andrés Rodrigues, baixo a coordinación do investigador do Incipit-CSIC, Íñigo Sánchez-Fuarros.

A directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, e a vicedirectora do Incipit e presidenta da Asociación de Antropología del Estado Español (ASAEE), Cristina Sánchez Carretero, participaron esta mañá nun encontro cos artistas e investigadores, que presentarán o resultado do seu traballo no marco do XVI Congreso Internacional de Antropoloxía que se celebra na Coruña.

Esta primeira residencia de investigación e experimentación artística na que colaboran o Incipit e a Cidade da Cultura amplía as accións de apoio á creación impulsadas pola Xunta de Galicia, a través da Fundación Cidade da Cultura, dentro do programa de Residencias Artísticas do Gaiás. Neste ano 2023, unha vintena de proxectos vinculados coas artes escénicas e performativas, a danza, a música, o audiovisual, a literatura e as artes visuais beneficiáronse dos espazos, recursos técnicos e relacionais que o Gaiás pon á súa disposición.

Mudar a pel

Partindo da idea de que o acceso ao coñecemento non debe ser algo exclusivo da letra e da lectura, os artistas e investigadores están a dar forma en Mudar a pel a unha obra audiovisual na que as imaxes, os sons e a palabra son os vehículos para transmitir á audiencia aspectos da sociedade actual que son obxecto tamén da investigación antropolóxica.

Nun mundo que está revolto —afectado por pandemias, violencias de todo tipo, degradación ambiental, desigualdades extremas, vulneración de dereitos, etc— a nosa “pel psicolóxico-emocional”, explican, aquela que ten que ver cos sentidos, co contacto, as voces, os cheiros, os obxectos coñecidos, e que nos dá seguridade cando sentimos que o mundo se cambalea baixo os nosos pés, está ferida.

Como exercicio de exploración ao redor desta ferida e das posibilidades de sandala, a obra froito desta residencia afonda nas conexións entre antropoloxía, arte, música e literatura para presentar unha experiencia que se sinte co corpo enteiro. Unha vivencia física que acompaña no campo do sensible o necesario proceso de reorganización e redefinición do social e do antropolóxico que se estuda desde a academia.

Mudar a pel presentarase ao público, o xoves 7 de setembro, ás 19,30 horas no Centro Ágora da Coruña, como parte da programación do XVI Congreso Internacional de Antropoloxía da ASAEE. A entrada é libre ata completar capacidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/09/2023