A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o delegado da Xunta en Lugo reuníronse hoxe con representantes do tecido empresarial

Ángeles Vázquez trasládalle ao empresariado de Xove os avances na tramitación da ampliación que permitirá sumar 56.000 m2 ao polígono de Camba

A responsable autonómica explica que este mesmo ano se adxudicará a redacción do plan necesario para desenvolver o novo ámbito de solo industrial no parque, cun investimento total previsto por parte de Xestur de 4,24 millóns de euros

Anima aos empresarios da comarca a facer as súas achegas co fin de que a ordenación da futura ampliación se axuste ás necesidades e demandas do sector

No conxunto de Galicia a Xunta tramita unha docena de plans estruturantes de ordenación de solo empresarial, figura creada por lei o ano pasado e coa que se busca reducir prazos de cara á urbanización e simplificar os trámites ambientais

Xove (Lugo), 4 de setembro de 2023

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, reuníronse esta mañá cun grupo de empresarios do concello de Xove e da súa contorna para analizar e expoñer os últimos pasos dados co obxectivo de avanzar na tramitación da futura ampliación do polígono industrial de Camba.

Neste sentido, Vázquez Mejuto explicou que antes de que remate o ano está previsto que se adxudique o contrato para redactar o Plan estruturante de ordenación de solo empresarial (PEOSE) que permitirá acometer a ampliación do parque xovense, unha infraestrutura desenvolvida a finais dos anos 90 grazas a un convenio entre o Instituto Galego da Vivenda e Solo e o Concello e que na actualidade non ten solo dispoñible a pesar de existir demanda na zona.

Tras lembrar que o novo ámbito previsto abranguerá algo máis de 56.000 metros cadrados e suporá un investimento estimado en 4,24 millóns de euros por parte da empresa pública Xestur, a vicepresidenta considerou necesaria e oportuna esta primeira ampliación xa que permitirá ao parque de Camba sumar máis solo industrial e comercial, ademais de zonas verdes, espazos dotacionais e viarios de acceso.

En todo caso, explicou que no Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia se prevé o crecemento deste polígono en ata 120.000 metros cadrados, polo que sería factible tamén abordar futuras fases en caso de que fose necesario.

Neste sentido, a responsable autonómica incidiu na oportunidade que suporá esta primeira ampliación do polígono de Camba para o municipio lucense e para o conxunto da comarca xa que, lembrou, é unha zona onde hai “pouco solo dispoñible”.

Por iso, animou aos empresarios presentes na xuntanza a facer as súas achegas e suxestións co fin de que poidan ser tidas en conta tanto pola Xunta como polos redactores do PEOSE para tratar de axustarse ás súas necesidades.

O PEOSE do parque empresarial de Xove non é o único que tramita a Xunta ao amparo da Lei de áreas empresariais de Galicia aprobada en 2022, que prevé esta figura como un novo instrumento de ordenación e planificación para a creación de solo empresarial que permite reducir prazos para a aprobación dos proxectos de urbanización e simplifica tamén a tramitación ambiental.

Nestes momentos, hai outros 12 plans estruturantes en distintas fases da súa tramitación, sendo os máis avanzados os dos polígonos de Bértoa, en Carballo, Paderne de Allariz e Coristanco —os tres en fase de preparación do documento de aprobación inicial— ou o de Santa Comba, actualmente en redacción.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/09/2023