O conselleiro de Educación, acompañado polo director da Amtega, visita hoxe en Vigo o Colexio CEIP Plurilingüe Pintor Laxeiro, dotado con esta tipoloxía de espazos dixitais

As novas aulas AMI potenciarán metodoloxías de aprendizaxe innovadoras cun bo proveito dos recursos

A tradicional aula de informática estática dá paso a un novo concepto móbil que permite trasladar os equipos e dixitalizar unha clase en caso de ser necesario

Román Rodríguez explica que a tecnoloxía “é un instrumento dentro do proceso de aprendizaxe que debe estar ao servizo do profesorado e do alumnado e servir, tamén, para estimular a creatividade e a aprendizaxe competencial”

Sinala que as competencias dixitais “preparan aos mozos e mozas para os retos do mañá” e permiten “xerar igualdade de oportunidade e ter un modelo equitativo”

O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, destaca o grao de madurez da educación dixital en Galicia, que permite afrontar os novos desafíos desde unha posición de vangarda

O Goberno galego está investindo 84M€ nas Aulas Móbiles de Informática, os Polos Creativos e a dotación de paneis interactivos nos centros escolares da Comunidade

Simultánea estas accións co fomento da lectura e as competencias lingüísticas a través das bibliotecas escolares e prepara un plan enfocado ás ensinanzas artísticas

Vigo, 04 de setembro de 2023.- O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, acompañado polo director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica (Amtega), Julián Cerviño, visitou hoxe en Vigo o Colexio CEIP Plurilingüe Pintor Laxeiro, onde presentou o novo concepto de Aulas AMI (Aulas Móbiles de Informática), que supón un paso máis na potenciación de metodoloxías de aprendizaxe innovadoras para favorecer o desenvolvemento do alumnado e o labor do profesorado cun mellor aproveitamento.

 

Neste avance do novo modelo metodolóxico de aprendizaxe, más colaborativo, creativo e competencial, a Xunta de Galicia conta con dúas liñas de infraestruturas para apoialo, que son froito da colaboración entre o departamento de Educación e a Amtega. Por unha banda, as infraestruturas físicas, que están a ser modernizadas de xeito progresivo a través do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, cun investimento de 243M€ en marcha que está posibilitando a construción, ampliación e rehabilitación de centros escolares en base a novos parámetros onde se prioriza o enfoque educativo destes espazos.

 

Capacidades STEM e artísticas

A segunda destas liñas son as infraestruturas tecnolóxicas, onde se inxiren os Polos Creativos, xa estreados o pasado curso en 225 centros e que se irán estendendo ao longo deste ano académico ao 100% dos centros cunha achega de 27M€ para favorecer as capacidades STEM e artísticas dos estudantes; e as novas Aulas AMI presentadas hoxe en Vigo. Trátase dun conxunto de ordenadores portátiles, con carro de carga incorporado, que pode desprazarse a calquera aula do centro para convertela nunha aula dixitalizada.

 

Supérase así o concepto tradicional de aula de informática. “Xa non é o alumno quen vai a esa aula con ordenadores, senón que estes están á súa disposición, coa finalidade pedagóxica que estableza a docencia concreta”, explicou. Neste senso, cada Aula Móbil  terá suficientes portátiles como para que o grupo máis numeroso do centro dispoña dun por alumno en caso de ser necesario. O investimento total é de 7,5M€. O seu despregue en centros de Primaria, como o visitado polo conselleiro e o director da Amtega, xa comezou e estenderase ao longo de 2024. Ao remate, terá distribuídos 13.000 equipos en 649 centros.

“A tecnoloxía é un instrumento dentro do proceso de aprendizaxe. Un medio, non un fin en si mesmo. Debe estar ao servizo do profesorado e do alumnado e servir, tamén, para estimular a creatividade e a aprendizaxe competencial”, afirmou o conselleiro. Como expuxo, “a tecnoloxía e as competencias dixitais preparan aos mozos e mozas de hoxe para os retos do mañá. É básico universalizar as competencias dixitais, de acordo co marco fixado pola UE, para xerar igualdade de oportunidades e ter un modelo equitativo”.

Desenvolvementos didácticos

Por último, dentro deste proceso de modernización e dotación de ferramentas didácticas ao servizo do ensino, o 100% das aulas de Galicia van contar con paneis interactivos. Serán, en total, 14.026 cun investimento de preto de 50M€. Instalaranse nas aulas de referencia de cada grupo, é dicir, as que comparten para o groso das materias. Este paneis chegarán, ademais, a 500 centros de ensinanzas como os conservatorios ou as escolas de idiomas.

 

Neste sentido, o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, destacou que a nosa Comunidade “é hoxe unha sociedade dixitalmente madura, cunha educación plenamente dixitalizada, polo que os desafíos para o futuro implican camiñar na vangarda na aplicación das tecnoloxías que se atopan fase de desenvolvemento”.

 

En conxunto, os Polos Creativos, as Aulas Móbiles de Informática e a dotación de paneis interactivos supoñen un investimento total de 84 millóns que buscan “desenvolvementos didácticos e das aplicacións educativas ao servizo de alumnos e de profesores”, sinalou o conselleiro. Isto, matizou, faise en paralelo á potenciación doutras competencias como a lectura, coas bibliotecas escolares, ámbito no que Galicia é referencia é onde está en marcha o Plan Lía (Lectura, Información e Aprendizaxe). Ademais, avanzou que a Xunta traballa nesta mesma liña na elaboración do Plan Educ-Arte co obxectivo de aprobalo este mesmo ano dado que, afirmou, “a educación é a canteira da cultura de Galicia”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/09/2023