A Xunta analizará todas as alegacións presentadas á 'Factoría do Deporte Galego-Galicia Sports 360' como proxecto de interese autonómico

O prazo finaliza este luns e a tramitación continúa coa presentación de informes sectoriais para a súa aprobación definitiva

Vigo, 4 de setembro de 2023

A Xunta de Galicia analizará e responderá a todas as alegacións presentadas na tramitacion do proxecto de interese autonómico ‘Factoría do Deporte Galego – Galicia Sports 360’ do Real Club Celta de Vigo (RC Celta). Este luns, 4 de setembro, remata o prazo para presentar ditas alegacións e o proceso continuará durante os vindeiros meses coa emisión de informes sectoriais.

 

O proxecto, que xa recibiu a aprobación inicial o pasado mes de xullo no Consello da Xunta, defende a idea do deporte como unha actividade de interese público que coadxuva ao crecemento e á cohesión social, á igualdade de xénero, a mellorar o benestar dos cidadáns e ao desenvolvemento do conxunto da Comunidade Autónoma, fortalecendo o carácter transversal do feito e sistema deportivo galego.

A ‘Factoría do Deporte Galego – Galicia Sports 360’ é nunha iniciativa cun interese supramunicipal cualificado que vai máis aló do ámbito deportivo. A Factoría do Deporte Galego conta coa capacidade para ser un complexo indispensable e necesario que fortaleza a industria do deporte en Galicia e promova o seu desenvolvemento.

A dinamización e modernización do tecido empresarial galego posibilitará que o proxecto sexa un referente non só na Comunidade Autónoma ou no noroeste peninsular, senón no ámbito nacional e internacional, así como unha inversión estratéxica para o futuro. Preténdese así, a creación dunha sede dun polo de tecnoloxía do deporte a semellanza doutros xa implantados en Europa, do que actualmente carece Galicia.

O Goberno galego segue traballando na análise do proxecto para a súa aprobación definitiva polo interese que ten máis aló do plano competitivo, posto que tamén suporá a creación dunha grande cantidade de novo persoal para a xestión, a dinamización das actividades e o mantemento das novas instalacións.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/09/2023