O centro A Aixola inicia o curso con 24 prazas en dúas novas accións formativas para o sector pesqueiro

As clases son gratuítas e a inscrición está aberta para as últimas vacantes a través da páxina web do centro

Marín (Pontevedra), 4 de setembro de 2023

O Centro de Formación A Aixola, que xestiona a Consellería do Mar a través do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, inicia o curso con dúas novas accións formativas e unha oferta de 24 prazas. Esta formación, que se imparte na súa sede situada no porto de Marín, forma parte do programa lectivo de 2023, que totalizará máis de 2.700 horas de formación de carácter gratuíto.

Destes cursos poderán beneficiarse operarios da pesca, mariscadoras e mariscadores, cónxuxes destes ou persoas con titulación ou certificado para traballar no sector. A inscrición para as últimas prazas libres pode facerse a través da páxina web, onde tamén é posible anotarse na lista de agarda.

Os cursos que comezan este mes son unha segunda edición do de prevención de riscos no sector pesqueiro, de 50 horas lectivas en horario de mañá, e unha formación no manexo de ferramentas de control numérico (CNC), de 60 horas lectivas en horario de tarde.

O alumnado destes cursos poderá complementar a súa formación participando nos módulos de busca de emprego e de autoemprego, con titorías personalizadas sobre creación de currículos, a busca de traballo a través de internet e a orientación ao autoemprego. Para cada un destes dous módulos prevense 15 prazas.

A especialidade do centro dependente da Consellería do Mar, cunha actividade formativa cofinanciada polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), é a aprendizaxe baseada no traballo, combinando a preservación do coñecemento tradicional coa innovación. A metodoloxía de ensino, centrada no aprendiz e nas súas necesidades, é eminentemente práctica e permite unha formación sólida que deriva en altas taxas de inserción laboral do alumnado.

 

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 04/09/2023