Román Rodríguez destaca que a Xunta inviste o dobre que antes da pandemia en axudas de libros e material

O conselleiro sinala no Saviñao que a Xunta é sensible ante a crecente inflación e “axuda máis a quen máis o precisa” aforrando ás familias máis de 100 M€ no inicio de curso

Tamén explica nunha entrevista en RNE que haberá máis profesores e máis aulas pese a perder alumnado e avanza accións para “manter o bo modelo educativo galego”

O Saviñao (Lugo), 03 de setembro de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, destacou hoxe nunha visita no Saviñao que a Xunta de Galicia inviste este curso en axudas de libros de texto e material escolar o dobre do que destinaba antes da pandemia. En concreto, 26 M€ fronte aos 12 M€ do curso 19/20.

O conselleiro afirmou que o Goberno galego é “consciente” da situación neste inicio de curso, “que se agrava pola crecente inflación” que afecta ao combustible, á alimentación “e tamén ao retorno ás aulas”. Ante esta “costa de setembro”, o seu departamento ten en marcha medidas “para reducir este impacto”, que aforran “máis de 100 millóns de euros ás familias”. Entre elas, citou o bono material, que chegará a 130.000 estudantes, un 40 % máis, ou o 12 % de incremento en axudas de libros de texto. A estas iniciativas súmanse o fondo de préstamos con moi boa acollida en familias e centros de ensino e o libro electrónico, así como a rede de transporte e comedor escolar, ás que a Xunta destina 1 millón de euros ao día.

Cun reparto “equitativo, de xeito gradual en función da renda”, reflexionou, “as familias con menos recursos teñen máis facilidades e maior igualdade de oportunidades”. Grazas a isto, o 70 % dos alumnos da Comunidade recibe algunha axuda de libros ou material.

Preguntado sobre as novas materias que se comezan a impartir este curso, sinalou que o seu departamento quixo desde o principio “corrixir as lagoas da nova lei estatal, que supuxo moitos problemas de adaptación no sistema educativo”. Para iso, poténcianse materias tanto no eido tecnolóxico como no humanístico, co reforzo da Filosofía. “Haberá materias que permiten prepararse para o futuro: Cultura financeira e dúas vencelladas á intelixencia artificial, non só desde a perspectiva técnica, senón tamén da ética”.  

Román Rodríguez tamén explicou que nestes momentos está en marcha o terceiro proceso de matrícula de FP, con 42.000 prazas, a maior oferta da historia. Unha vez conclúa coñecerase o número de estudantes que elixen este ano estas ensinanzas.

 
 
 
 

Os orzamentos máis altos da historia

Por outra banda, o conselleiro ofreceu hoxe unha entrevista en Radio Nacional de España (RNE), onde ratificou unha vez máis que o ensino galego terá este novo curso escolar 2023/24 máis profesores e máis aulas, a pesar de perder preto de 2.000 alumnos.

“Con menos alumnos pola caída demográfica, imos ter máis profesores e máis aulas que no curso anterior. E isto sen contar a Formación Profesional, onde hai un gran aumento da oferta”, resumiu o conselleiro. Na mesma liña, lembrou que Galicia ten hoxe “os orzamentos educativos máis altos da súa historia e é a Comunidade que máis inviste por alumno tras Euskadi e Navarra”. A iso súmase que tamén está nos postos de cabeza na rateo de alumnos por aula e profesor, cunha media de 9,8 fronte ao 11,4 estatal.

O titular autonómico de Educación explicou que este é o último curso “dunha lexislatura complexa, con dous anos loitando contra a covid e outros dous de implantación da nova lei educativa, que remata este ano como principal novidade”. A este respecto, avanzou que Galicia ten “cuestións propias que van contribuír a mellorar o sistema”. “Queremos manter o bo modelo de Galicia, que nos ten situados en postos de vangarda non só en España, senón ao nivel doutras rexións de Europa que antes mirabamos con envexa”. “Estamos á par das mellores rexións europeas no eido educativo”, declarou.

En relación ao ensino rural, salientou que o 99,7 % dos estudantes de Infantil e Primaria teñen un centro no seu concello, un dato que en España baixa ao 55 %. “Hai unha rede de servizos que intenta chegar a todos os lugares para xerar xustiza social e territorial”, expuxo. “Galicia é un distrito educativo único: os colexios do rural teñen acceso a todos os programas e o resultado educativo dos alumnos é semellante. Temos excelentes resultados nas áreas rurais, equiparables aos das áreas urbanas”, apuntou.

Reforma da ABAU

Respecto á paralización da reforma da ABAU para este curso anunciada polo Goberno central, que o propio conselleiro pediu, instou a “buscar a igualdade”. “Hai inxustizas cando temos unha única porta de entrada e 17 camiños”. Na súa opinión, “esta reforma foi un despropósito. Témolo avisado por activa e pasiva. Afortunadamente, esta vez o Ministerio fíxonos caso e rectificou”. “Agardemos que rectifique máis veces para lograr un sistema máis xusto e que dea igualdade de acceso”, reclamou Román Rodríguez.

Data de actualización: 03/09/2023