O delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, celebra que o legado do pequeno Leo siga “moi presente” na presentación da I Carreira e Andaina Solidaria de Leo

A iniciativa, que conta co apoio da Xunta, busca recadar fondos para axudar ás persoas con enfermidades raras

O proceso de Leo foi un dos motivos polos que a Xunta iniciou o proceso para aprobar o pago dos custos de traslado e aloxamento dos pacientes de enfermidades raras que teñan que viaxar fora de Galicia para ser tratados

Meis (Pontevedra), 1 de setembro de 2023 O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, participou esta mañá na presentación da I Carreira e Andaina Solidaria de Leo. A iniciativa conta co apoio da Xunta, e pretende recadar fondos para os pacientes de enfermidades raras, ademais de render homenaxe ao pequeno Leo, que faleceu o ano pasado e que padecía déficit de proteína B de surfactante.

Cabe destacar que o caso de Leo axudou a que toda a sociedade tomase consciencia da necesidade de apoiar ás persoas que sofren este tipo de enfermidades. Casos como o seu foron os que impulsaron o inicio do proceso para aprobar o pago dos gastos de desprazamento e aloxamento de aqueles doentes de enfermidades raras que teñan que desprazarse fora de Galicia para recibir tratamento.

Durante a súa intervención, o delegado territorial agradeceu o traballo de todos os involucrados e destacou o gran legado que deixou Leo que “coa súa loita e a dos seus pais vai conseguir, a través de actividades como esta, que moitos nenos poidan vivir a súa enfermidade un pouquiño mellor”. 

Esta iniciativa organizada pola asociación A Baralla destinará os ingresos recadados a axudar a varias persoas con enfermidades raras. Máis alá do aporte económico, a carreira busca que o exemplo de Leo non se esqueza e que a resposta solidaria da sociedade fronte ás enfermidades raras se manteña no tempo.

Neste sentido, Reguera rematou a súa intervención desexando sorte e éxito aos máis de cincuenta deportistas que a día de hoxe están inscritos na proba e que dentro de un mes correrán por unha boa causa: “grazas por participar nesta proba deportiva que vai moito máis alá do deporte”.

O acto, que tiña como obxectivo lembrar a convocatoria desta proba deportiva para o día 1 de outubro, contou coa participación de outras autoridades, como o director deportivo da proba, Víctor Riobóo; a directora sociosanitaria e responsable de acollida da Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas, Carmen López; a vicepresidenta primeira da Deputación de Pontevedra, Marta Fernández-Tápias; e a Alcaldesa de Meis, Marta Giráldez.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/09/2023