A Xunta abre o prazo para participar na cuarta edición do programa Xuventude Mentoring

Esta nova convocatoria, impulsada coa colaboración do Consorcio Interuniversitario de Galicia (Cixug), conta cun máximo de 250 prazas e permanecerá aberta a solicitudes ata o 18 de setembro

Os participantes, mozos de entre 18 e 30 anos, reciben asesoramento, titorización individualizada e desfrutan de actividades para impulsar a súa rede de contactos e facilitar o seu acceso ao mercado de traballo
 

Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2023

A Xunta abriu o prazo para inscribirse na cuarta edición do programa Xuventude Mentoring, destinado á inserción laboral de mozas e mozos de entre 18 e 30 anos. Esta nova convocatoria conta con cun máximo de 250 prazas e ofrece asesoramento, titorización individualizada e actividades para impulsar a súa rede de contactos. As solicitudes poderán enviarse ata o 18 de setembro a través do formulario da súa páxina web.

Xuventude Mentoring vai xa na súa cuarta edición e nel levan participado preto de 430 mozos e mozas, todos eles titulados universitarios ou de formación profesional. A través desta iniciativa, ao redor da metade das mozas e mozos conseguiron traballo e case o 20% están a ampliar a súa formación a través de prácticas e estudos de posgrao.

Os bos resultados da iniciativa levan a que o Goberno galego destine un millón de euros para a realización de dúas novas edicións, unha na segunda metade deste ano e outra no 2024. Farao coa colaboración das tres universidades galegas. O programa, cofinanciado pola Unión Europea, no marco do Programa FSE+, nun 60%, vai dirixido a todos os mozos de 18 a 30 anos inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil e teñan cursado algún tipo de estudo superior.

Xuventude Mentoring na Empresa

Así mesmo, a Xunta tamén ampliou este ano este programa cunha nova iniciativa chamada Xuventude Mentoring na Empresa, coa que os participantes poderán realizar estadías formativas en empresas de tres meses de duración. A Xunta de Galicia destina 1,3 millóns de euros a este novo programa para que a mocidade teña unha nova ferramenta que lle permita o seu acceso ao mercado laboral.

Nesta primeira edición, son nove entidades privadas sen ánimo de lucro e a agrupación de concellos formada por Camariñas, Muxía e Vimianzo as que desenvolverán proxectos -cun mínimo de 10 participantes e un máximo de 25- no marco de Xuventude Mentoring na Empresa. A información de cada un dos proxectos subvencionados pode consultarse na web xuventude.xunta.es.

Data de actualización: 03/09/2023