A Xunta concede unha axuda de preto de 1,2 M€ ao concello de Vigo para a construción de 27 vivendas

Trátase dunha subvención destinada a promotores públicos e privados para a edificación de vivendas enerxeticamente eficientes en réxime de alugueiro social

O IGVS tamén promove na cidade un total de 207 vivendas de promoción pública

Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2023 A Xunta de Galicia concedeu unha axuda de 1.187.982 euros ao Concello de Vigo para a construción de 27 vivendas para alugueiro social nunha parcela emprazada no Camiño Esturáns. A subvención está destinada á promoción de 27 vivendas por parte do Goberno local, que prevé investir un total de 4.486.996,80 euros.

Segundo o proxecto municipal presentado ao Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), prevese a construción dun inmoble dividido en 9 plantas, máis 1 baixo e 3 sotos, que acollerá un total de 27 vivendas, ademais de garaxes.

A Xunta tamén resolveu conceder outra axuda de preto de 2,5 millóns de euros ao Concello da Coruña para a construción de 50 vivendas que serán adxudicadas de igual xeito en réxime de alugueiro social.

Ambas axudas inclúense no programa de axuda á construción de vivendas en alugueiro social en edificios enerxeticamente eficientes do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia, financiado pola Unión Europea a través do programa Next Generation. Por este motivo, será necesaria a sinatura dun acordo entre a Xunta, o Concello e o Ministerio de Transportes, Vivenda e Axenda Urbana para facelas efectivas.

Así mesmo, cómpre lembrar que esta liña de axudas, convocadas por primeira vez en Galicia o pasado mes de febreiro, está destinada a promotores públicos e privados e aínda se poden solicitar ata o próximo 6 de outubro.

Pola súa parte, o Instituto Galego da Vivenda e Solo construirá 207 vivendas de promoción pública no polígono 1 de San Paio de Navia, estando licitado o contrato de construción de 38 destas vivendas e en redacción os proxectos das restantes. Estas promocións financiaranse con fondos propios da Xunta e achegas da Unión Europea.

Data de actualización: 02/09/2023